Congreso

BNG denuncia o uso deturpado do topónimo A Toxa no Foro en que participan dous ministros e exixe ao Goberno respecto á legalidade

Néstor Rego

“O Goberno do Estado, e tamén a Xunta da Galiza, son cómplices novamente desta deturpación e, por tanto, do incumprimento da normativa lingüística” denuncia Rego

O deputado do BNG pregunta: demandará o Goberno á organización do Foro ao que acoden personalidades e cargos públicos que usen o único topónimo legal?

O Bloque Nacionalista Galego exixe a actuación por parte do Goberno para que, nunha nova edición do Foro “A Toxa” en que participan dous ministros a organización deste deixe de empregar unha forma deturpada do topónimo e empregue a única legalmente estabelecida. Para a organización nacionalista, denunciou o deputado do BNG no Congreso Néstor Rego, estase a ser cómplice dun incumprimento da normativa lingüística e do Nomenclátor Oficial da Galiza. Rego lembra que o Foro recibe diñeiro público polo que debe cumprir coa lexislación vixente.

Como cada mes de outubro desde hai seis anos decorre na Illa da Toxa durante tres días un Foro en que participan diversos cargos institucionais da Xunta, do Goberno do Estado, da Unión Europea e mesmo persoas de influencia do mundo económico e empresarial. Lamentabelmente, denuncia o BNG, máis unha vez as persoas organizadoras optaron por deformar o nome lexítimo da Illa da Toxa, no Concello do Grove, “coa españolización artificiosa e ilegal do topónimo”.

No caso do Goberno central estará o Ministro de Economía e o de Presidencia e Xustiza. Participarán tamén o recentemente nomeado Gobernador do Banco de España, o Presidente da Xunta, ex-ministros e ex-ministras e ex-presidentes do executivo estatal, tanto do PP como do PSOE.

“A denominación do Foro segue a empregar a toponimia non oficial da Galiza a pesar das numerosas protestas sociais que se teñen realizado e tamén das iniciativas parlamentares que o BNG ten dirixido ao Goberno” acusa o deputado do BNG. Neste sentido, Rego indica que este empeño en deturpar o topónimo oficial “é algo incompresíbel” cando o uso da toponimia galega non é máis que o cumprimento da lei”.

As leis e decretos que fixaron as denominacións oficiais na Galiza, lembra o deputado nacionalista, son de obrigado cumprimento tanto para entidades privadas como públicas. “Loxicamente, corresponde á Administración pública velar polo cumprimento das normas en materia lingüística, tanto estatais como galegas, e máis se reciben diñeiro público para a organización de eventos como este” apunta Rego.

“O Goberno do Estado debe contactar cos organizadores do Foro e levar a cabo todas as actuacións precisas para que deixen de empregar a forma deturpada. Caso contrario, ningún membro del debería participar, porque facelo é tanto como seguir sendo cómplice do incumprimento da normativa lingüística e do Nomenclátor Oficial da Galiza” sinala Rego.