BNG denuncia o “transformismo” do PP para boicotear o mercado tensionado de vivendas e a limitación dos prezos
Alexandra Fernández acusa á Xunta de protexer os intereses da patronal inmobiliaria co seu “último torpedo contra as políticas públicas de vivenda”
Considera que os populares se autoemendan para sacar rédito electoral tras catorce anos dun goberno dedicado a “aniquilar” a política de vivenda pública
A deputada do BNG Alexandra Fernández acusou ao Goberno do PP de levar a cabo un “exercicio de transformismo” para, na práctica, intentar boicotear a declaración en Galiza de zonas tensionadas de vivenda e a posibilidade de limitar así os prezos de mercado.
“No PP son uns maestros do trilerismo”, asegurou en relación a autoemenda que presentaron os populares para modificar a norma galega de Vivenda a través da Lei de Acompañamento dos Presupostos co suposto obxectivo de regular a declaración de zonas tensionadas. “En realidade é un último torpedo contra as políticas públicas de vivenda, un último servizo á patronal inmobiliaria, un último desprezo a quen menos ten. No tempo de desconto queren deixar atada a imposibilidade de declarar áreas tensionadas”, sostivo Alexandra Fernández durante a exposición de motivos dunha interpelación formulada á conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez.
Tal e como explicou, o PP recorre “á porta pequena do patio traseiro” para, na práctica, dificultar a regulación do mercado tensionado “lavándose as mans” e endosando as competencias de vivenda aos concellos, que serán os encargados de facer todos os informes, planificación e medidas. Ademais, impóñense unha serie de esixencias -engadiu- que non están contempladas na norma estatal con fin de dificultar a tramitación.
Entre eses requisitos figura tamén que os concellos interesados en declarar áreas tensionadas terán obrigatoriamente que conformar unha mesa sectorial na que terán representación asegurada os administradores de fincas, axentes da propiedade inmobiliaria e promotores de vivenda.
O raposo, a coidar as galiñas
“Iso é pór ao raposo a coidar as galiñas!”, advertiu a deputada do BNG, subliñando que “a limitación de prezos non se fai para garantir beneficios senón para garantir o dereito social de poder acceder á vivenda”. “O que pretende a Xunta e que aínda que se cumpran os criterios a patronal poida paralizar a declaración porque queren gañar máis”, incidiu.
Alexandra Fernández criticou así mesmo que, segundo as previsións do PP, a Xunta, a través do IGVS, vai ter a última palabra para decidir se acepta ou non a solicitude dos concellos “aínda que se cumpran as condicións marcadas pola lei para declarar o mercado tensionado”. No caso de que a Xunta resolva de maneira favorable, os concellos disporán apenas un prazo de dous meses para aprobar todas as medidas que contemplen no plan, que decaerá en caso de incumprimento.
A deputada nacionalista lembroulle á conselleira que até hai nada prometía combater a lei estatal que regula estas zonas por considerala “inconstitucional”. Agora, dixo, intentan “retorcer” esa norma para “boicoteala” nun suposto cambio de postura que achacou á proximidade das eleccións. “Teñen que recuar ante un malestar que avanza” tras catorce anos dun goberno dedicado a “aniquilar” a política de vivenda e porque “teñen medo de presentarse ante a sociedade co discurso ultraneoliberal que veñen mantendo nesta materia”
“Empregan as competencias propias para que non haxa avances. Como na Lei do Litoral, ampáranse no autogoberno para protexer determinados intereses corporativos e empresariais. Iso non é un exercicio de soberanía, é a entrega do poder a unha elite, contra a maioría social”, resumiu.
Alexandra Fernández achacou ás políticas do PP a “dramática realidade duns prezos disparados que complican enormemente acceder a unha vivenda sen que haxa alternativas públicas”, unha realidade que é aínda máis complicada para os sectores con menos renda pois son estes os que maioritariamente acoden ao mercado de aluguer, onde os prezos subiron moi por riba dos salarios.