O BNG denuncia a supresión da liña de autobús que une Vila de Cruces coa cidade da Coruña, ao seu paso por diversos concellos
Advirten que “a Xunta deixa sen servizos aos concellos do rural e segue a converter este País nun deserto de mobilidade”
Esixen ao PP que cese na política de desmantelamento dos servizos públicos e de ataque ao medio rural e alertan sobre a ameaza de supresión de máis liñas
O BNG leva ao Parlamento galego unha iniciativa para evitar que se suprima a liña de autobús que une Vila de Cruces coa cidade da Coruña, ao seu paso polos concellos de Arzúa, Boimorto, Mesía, Abegondo, Carral, Cambre e Culleredo.
A deputada e o deputado do BNG, Mercedes Queixas e Xosé Luís Rivas “Mini”, reuníronse no Parlamento galego con representantes da organización nacionalista en todos os concellos afectados para abordar a situación. “O PP á fronte da Xunta de Galiza opta pola concentración empresarial como fórmula de precarización dos servizos públicos e de destrución do tecido empresarial galego. Denunciamos que, coa supresión desta liña de autobús, o PP converte este País nun deserto de mobilidade” sinalou Mini Rivas.
Mercedes Queixas exixiu á Xunta de Galiza que cese “na política de recortes e deterioro dos servizos públicos, garantindo a continuidade desta liña, fortalecendo o transporte público no noso País e axudando a sustentabilidade da vida no medio rural” expresou.
Desde o BNG reclaman que se manteña a liña mellorando a calidade do servizo, “é importante que se amplíen os horarios de frecuencias desta liña para garantir un servizo de calidade” sinalou Queixas.
Estacazo ás comarcas rurais e ameazas de supresión de máis liñas
A deputada nacionalista Mercedes Queixas lembrou que “desde os anos 60 do pasado século esta liña de autobús une Vila de Cruces coa Coruña, e conta con parada en todos os concellos polos que atravesa” explicou. “Durante moitos anos contribuíu a vertebrar a vida diaria de diferentes parroquias e lugares dos concellos polos que transita” dixo Queixas, salientando a importancia que esta conexión ten coa cidade da Coruña para todos os concellos afectados e, nomeadamente, para os máis rurais.
Ademais desta situación, Queixas destacou tamén a ameaza de supresión que hai sobre a liña de autobús que vai do concello de Sobrado dos Monxes a Santiago de Compostela, inoperativa desde hai 2 meses. “A falta de transparencia que ten a Xunta a respecto da situación desta liña fai saltar todas as alertas ante a sospeita de que tamén pretendan suprimila, xa que leva meses en suspenso” explicou Queixas.
“Desde o BNG estaremos vixiantes e exiximos ao Partido Popular que cese nesta política de desmantelamento dos servizos públicos e de ataque ao medio rural” concluíu.