BNG denuncia a suba das portaxes en tramos da AP-9 e da AP-53 por riba de 4%
Néstor Rego reclama pór fin á concesión da autoestrada do Atlántico após os informes da Unión Europea que declaran ilegais as prórrogas de 10 e 25 realizadas polos gobernos estatais de PSOE e PP: “a concesión tiña que acabar en 2013”
A frente nacionalista comprométese a presionar na cámara baixa para desbloquear a tramitación da Lei para a transferencia da titularidade da AP-9 á Xunta de Galiza
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a suba de máis de 4% en máis dun terzo dos tramos da autopista da AP-9 estabelecidos por AUDASA e aprobados polo executivo central. O mesmo en máis de metade dos tramos da AP-53. A frente nacionalista demanda rematar a concesión para ter unha AP-9 “libre de peaxes” despois da publicación dos informes por parte da Unión Europea que declaran ilegais as prórrogas concedidas por 10 e 25 anos por diferentes gobernos do Estado de PSOE e PP. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comprométese a presionar todo o posíbel para desbloquear e axilizar a tramitación na cámara baixa da Lei de transferencia da titularidade da infraestrutura á Xunta de Galiza, actualmente paralizada pola maioría de PSOE e Podemos, co obxectivo de ter canto antes unha “AP-9 galega e libre de peaxes”.
“É inaceptábel a suba das portaxes en 15 tramos da AP-9 e en 9 da AP-53 superior a 4% anunciado polo Goberno. Xa ese límite de 4% nos parece escandaloso pois, entre outras cousas, está por riba do incremento dos salarios e supón unha carga adicional para todos os galegos e galegas e para as empresas do noso País, que perden competitividade.” denuncia o deputado do BNG no Congreso.
A frente nacionalista denuncia que, contra o anunciado, o Goberno do Estado permite que máis dun terzo dos tramos da AP-9 e a maioría dos da AP-53 suban máis de 4%. Esta suba é especialmente inxusta na AP-9, pois “a concesión debería ter finalizado en 2013, hai xa 10 anos. Mais non foi así polas prórrogas que aprobaron gobernos do Partido Socialista, por 10 anos, e do Partido Popular, por 25 anos, pasando de 40 a 75 anos” lembra o deputado nacionalista. Así mesmo, Rego indica que estas prórrogas “foron ilegais” segundo a Unión Europea e, polo tanto, “habería que pór xa fin á concesión para que a AP-9 pasase unha autoestrada libre de peaxe”.
O BNG reclama ao Goberno do Estado que cumpra, en primeiro lugar, o compromiso anunciado de limitar o incremento a 4% estabelecidas por AUDASA e ACEGA, ambas empresas pertencentes ao Grupo Itinere, en todos os tramos, mais tamén que se inicien os trámites para finalizar a concesión. “Hai que proceder ao rescate da AP-9” enfatiza Rego.
Paralelamente, o deputado nacionalista comprométese a intensificar a presión sobre o Partido Socialista, Podemos e o Partido Popular co obxectivo de desbloquear a tramitación da Lei de Transferencia da AP-9 á Galiza no Congreso. “O noso País está pagando por unha autoestrada con prezos desorbitados e, ademais, de maneira inxusta. É o momento de que teñamos unha autoestrada galega e libre de peaxes” reivindica o deputado do BNG.