BNG denuncia os recortes de profesorado que prepara a Xunta para o próximo curso e que implicarán ratios intolerables
BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento galego na que denuncia os recortes no cadro do persoal docente para o próximo curso que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade está a trasladar a través dos servizos de inspección a diferentes centros de todo o país.
“Estanos a chegar denuncias de centros dende Valdeorras ata O Barbanza, dende A Coruña ao Baixo Miño, de recortes drásticos nos cadros de persoal trasladados pola consellería”, advirte o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, quen alerta de que estes recortes van implicar “ratios absolutamente intolerables para o curso 21/22, ao implicar que desdobres que se viñan realizando ao longo deste curso non se poidan realizar no vindeiro”.
Ante o que cualifica dun “novo ataque ao ensino público, xusto no momento no que máis apoio precisa”, Lourenzo reclamará na Cámara galega a través das distintas iniciativas que o Goberno do PP manteña todo o profesorado necesario para consolidar cando menos os desdobres autorizados en todos os niveis educativos deste curso, así como a garantir o mantemento dos postos de traballo creados neste 20/21 e que a propia consellería cifrou en 1.350 docentes interinos e, por último, a reforzar os cadros de persoal do ensino público co obxectivo de reducir as ratios máximas por aula e a recuperar o horario lectivo do profesorado.
Neste sentido, o deputado nacionalista apunta nas diferentes iniciativas que, máis alá das incertezas sobre cal vai ser a situación sanitaria no inicio de curso, resulta unha evidencia que estes dous cursos marcados pola pandemia esixirán que nos vindeiros meses e anos haxa que realizar esforzos inxentes para que os efectos das dificultades vividas polo alumnado durante a pandemia sexan os mínimos posibles.
“Dende o BNG entendemos que isto denota un cinismo estremo por parte da Consellería de Educación”, reproba Lourenzo, para engadir a continuación que “os mesmos que din agradecer á comunidade educativa o esforzo realizado durante a pandemia executan este agradecemento a través dun novo recorte de profesorado”.
Para o portavoz parlamentario de Educación esta situación é “absolutamente intolerable porque a comunidade educativa, o noso profesorado e o noso alumnado, non merece este trato senón un ensino público forte para afrontar os retos que temos por diante”, conclúe.