BNG denuncia que Xunta e Goberno español exclúen Ourense do convenio de vivenda pública
Néstor Rego cualifica de inxustificábel que non se prevexa ningunha actuación na cidade de Ourense no Convenio asinado entre MITMA e Xunta de Galiza para a construción de 499 vivendas públicas en réxime de aluguer social e reclama rectificar
A frente nacionalista exixe a transferencia dos 3.000 activos propiedade da SAREB á Administración galega para promover unha bolsa de vivenda pública e social destinada ás persoas e colectivos máis desfavorecidos
Após coñecer o convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a construción de 499 vivendas públicas, o Bloque Nacionalista Galego reclama incluír a cidade de Ourense. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera “absolutamente inxustificábel” a exclusión de Ourense das actuacións previstas no devandito convenio e sinala que, se non se rectificar esta decisión, a mocidade e as familias con menos ingresos desta cidade acharán máis dificultades para acceder a unha vivenda digna, o que suporía un trato discriminatorio. Así mesmo, a frente nacionalista reclama a transferencia dos inmóbeis propiedade da SAREB á Xunta para que se execute unha política pública eficaz en materia de vivenda.
O pasado 28 de novembro, a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galiza, e a Ministra de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, asinaron dous Convenios de colaboración para a transferencia de fondos no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia da Unión Europea para a construción de 499 novas vivendas públicas baixo os parámetros de eficiencia enerxética. Nos documentos asinados estipúlase que o investimento ascenderá a máis de 69 millóns de euros, achegando 65% a Xunta (44,62 millóns), e o restante será con cargo aos fondos europeos, uns 24,54 millóns.
O obxectivo deste acordo é destinar ditas vivendas en réxime de aluguer a mozos e mozas e a familias con menos recursos. “Estas vivendas situaranse en Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Lugo, mais, tanto a Xunta de Galiza como o Goberno do Estado esquécense da cidade de Ourense nestes convenios. Non entendemos cales son os motivos que levan estas dúas administracións a excluír a Ourense a construcións de vivenda pública; é absolutamente inxustificábel” denuncia o deputado do BNG no Congreso.
Neste sentido, a organización nacionalista exixe a rectificación de ambas as administracións para incluír a Ourense nos acordos, primando criterios de distribución territorial para que esta cidade galega conte con vivendas en réxime de aluguer para a mocidade e familias con menos recursos.
Con todo, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, entende que, aínda que a execución destas promocións de vivenda é positiva e moi necesaria, o Goberno do Estado “debe transferir de maneira inmediata todos os inmóbeis da SAREB á Xunta de Galiza, como medida a curto prazo”. Segundo explica Rego, existen por volta de 3.000 vivendas en poder da xestora dos antigo “activos tóxicos” dos bancos –agora enteiramente pública- que poderían ser transferidas á Administración galega para que desenvolva unha política pública en materia de vivenda e “dar un verdadeiro impulso á mobilización do parque de vivendas baleiras”.