BNG denuncia que a Xunta do PP segue a votar en contra de axilizar a execución da variante do polígono de Bértoa de Carballo
O deputado Daniel Pérez cualifica como “prioritaria para Galiza” a construción da variante dunha infraestrutura “tantas veces reclamada, tantas veces prometida polo Partido Popular e na que nunca chegou a moverse unha soa pedra”
Os nacionalistas urxen incorporar nos orzamentos do 2025 unha partida destinada á súa execución de cando menos 5 millóns de euros
O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Daniel Pérez, instou á Xunta de Galiza ao remate de xeito inmediato e a redacción do proxecto, trazado e construción e impacto ambiental da variante de Carballo, fase I. “O Polígono de Bértoa é unha das zonas de implantación empresarial con maior proxección do país, experimentando nos últimos anos un crecemento exponencial até o punto de esgotar a súa oferta de solo industrial”.
“A Xunta de Galiza do Partido Popular leva anos castigando ao pobo de Carballo ao negarlle dúas actuación que son básicas para o desenvolvemento económico da vila, mais tamén da comarca, da que Carballo é cabeceira” sentenciou Pérez López. O BNG leva exixindo a execución desta variante dende outubro de 2009 co voto en contra do Partido Popular.
“É incomprensible que unha infraestrutura vital para vertebrar o territorio, para a competitividade empresarial e xeración de emprego a nivel comarcal, así como imprescindible para garantir a seguridade peonil nun barrio especialmente sensible, como o do Chorís, non teña carácter prioritario para a Xunta de Galiza” denunciou o deputado nacionalista.
En decembro de 2020 resolveuse a adxudicación do contrato para a redacción do proxecto, trazado e construción e impacto ambiental da variante de Carballo, fase I, establecéndose un prazo de execución de 20 meses. “Case 2 anos despois do cumprimento do prazo, non houbo ningún avance no expediente, agás un engadido de arquivos asociado á execución do contrato, en decembro de 2022”.
Daniel Pérez salientou que a ampliación do polígono e a circunvalación son actuacións que “dependen exclusivamente da Xunta de Galiza”, que ano tras ano as inclúe nos orzamentos autonómicos “para despois non executalas”. No caso da circunvalación, se nos orzamentos da Xunta de Galiza do 2023 figuraba unha previsión de 4 millóns para o 2024, “establécese unha partida de unicamente 500.000 euros”.
O BNG considera necesario incorporar nos orzamentos de 2025 unha partida destinada á súa execución de cando menos 5 millóns de euros.
“Todo o mundo en Carballo coincide no carácter estratéxico dunha obra que conectaría directamente o polígono de Bértoa coas estradas de Ordes e Santiago”. Así o considera o Goberno local, que ano tras ano demanda a execución desta obra e así o entenden tamén os propietarios do polígono de Bértoa e a propia Confederación de Empresarios de Galiza, que o ano pasado enviaron un informe á anterior Consellería de Infraestruturas un informe no que “se enumeran aquelas actuacións críticas para mellorar a conectividade externa e interna da Comunidade Autónoma, entre elas figuran a circunvalación de Carballo”.