BNG denuncia que a Xunta do PP “evita comprometerse” a mellorar a seguridade das embarcacións e mariñeiros que operan no porto de Malpica

Daniel Pérez
O deputado Daniel Pérez urxe ao goberno galego incluír nos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2025 unha partida específica e con dotación suficiente para iniciar nesa anualidade as obras de mellora das condicións de seguridade no interior da dársena de Malpica, da operatividade do porto e das infraestruturas do mesmo.

O deputado, Daniel Pérez, alerta sobre a situación na que se encontra o porto de Malpica de Bergantiños. Na actual situación, “a entrada ou saída de embarcacións da dársena supón un perigo constante para a integridade, non só das embarcacións”, son constantes os contratempos e danos materiais naquelas, “senón o que é moito peor, para a integridade física dos mariñeiros”.

Pérez lembrou durante a súa intervención na comisión de Pesca e Marisqueo, o afundimento en 2018 do pesqueiro Silvosa, unha a embarcación de artes menores, con base en Malpica, que “afundiu cando se dispoñía a cruzar a zona das comportas, provocando a morte do seu patrón”.

O deputado do BNG denuncia que a Consellería do Mar “anunciou a adopción de medidas tendentes a paliar o risco que supón a dársena”, sobre todo en condicións adversas, e aínda que dende a presidencia de Portos de Galiza, informouse que o proxecto de mellora da seguridade da dársena de Malpica se encontraba na súa fase final de licitación. “Até o de agora, tres anos despois dese anuncio, e máis de cinco anos do tráxico accidente do Silvosa, non se realizou ningunha actuación de entidade tendente a resolver os problemas de seguridade deste porto".

Malia que o proxecto de mellora da dársena é vital para garantir que as embarcacións e mariñeiros de Malpica podan desenvolver o seu traballo en condicións de seguridade, e malia os anuncios de Portos de Galiza, Daniel Pérez denuncia que nos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2023 e 2024 “non se recolleu ningunha partida con dotación económica suficiente para asegurar que a execución desta obra tan necesaria se vai acometer a medio-curto prazo”.

O BNG insta ao goberno galego incluír nos orzamentos para o ano 2025 unha partida específica e con dotación suficiente para iniciar nesa anualidade as obras de mellora das condicións de seguridade no interior da dársena de Malpica.

O deputado nacionalista lembra que nunha das últimas comparecencias en sede parlamentar da que foi Presidenta de Portos de Galiza, Susana Lenguas, “anunciou o remate dos estudos, que se barallaban diferentes opcións para a mellora da seguridade na dársena e que xa había liñas de traballo en marcha”. “Ese anuncio tivo como único efecto práctico que o ente autonómico puxese en común coa Confraría de Malpica tres posíbeis opcións de proxecto de mellora”. Porén, nos orzamentos da Xunta de Galiza do 2024 “nin se recolleu partida específica algunha para licitar a redacción do proxecto”.

“Para que o anuncio desas tres posibles actuacións no porto sexa crible, é imprescindíbel que se inicie o procedemento de licitación do proxecto” e que nos orzamentos da Xunta de Galiza para o 2025 “se recolla unha partida específica e con dotación suficiente para a execución da primeira fase da obra”.