BNG denuncia que o Sergas segue ocultando as ‘listas de espera negras’ e de pacientes derivados á privada sen garantías
A deputada do BNG Iria Carreira denunciou na Comisión de Sanidade que o Goberno do PP segue a ocultar os datos das listas de espera non estruturais, ás que se referiu como “as listas negras”, dos e das pacientes que non aceptan ser derivados á sanidade privada e que son “penalizadxs” porque “quedan nun caixón agardando” e “sen ningún tipo de garantía nin dereito recoñecido”.
“Non sabemos cantas persoas hai nesa situación nin canto tempo esperan, e non o sabemos nós nin as pacientes nin as persoas profesionais que as tratan”, asegurou a deputada nacionalista, que máis unha vez volveu a reclamar ao Sergas transparencia sobre as listas de espera, tamén das non estruturais, e dos pacientes que si aceptan ser derivados á sanidade privada. “Rematen dunha vez por todas con esta política de clasificar ás pacientes en boas e malas”, reclamou.
Malia crear un instrumento “para derivar pacientes á sanidade privada e penalizar a quen se nega a esa derivación” (os e as pacientes malos), as listas de espera estruturais son “devastadoras”, segundo os “raquíticos datos” que publica o Sergas na súa páxina web, destacou Carreira. Segundo as últimas cifras facilitadas por Sanidade, ao remate do ano pasado había 45.027 persoas en espera dunha cirurxía e 212.281 agardando por unha primeira consulta hospitalaria, das que 3.078 tiñan mais de 12 meses de espera. A 31 de decembro de 2023 había, ademais, 114.persoas pendentes dunha proba diagnóstica, das cales 2.260 acumulaban máis dun ano nesta lista.
A deputada nacionalista asegurou que o plan anunciado polo propio presidente da Xunta en xaneiro de 2023 para rebaixar os tempos de espera resultou ser “un brinde ao sol” porque, a finais do ano pasado, había que esperar de media 13 días máis para unha cirurxía que en 2019, e para consultas case 32 días máis.
“En cinco anos empeoraron as cifras de xeito abafante”, engadiu, subliñando no mesmo sentido que as esperas son máis longas para unha resonancia (19,9 días máis), para unha ecografía abdominal (36) ou para unha electromiografía (58). “Detrás destes datos hai enfermos agardando, sufrindo, pacientes oncolóxicos pendentes de realizar unha resonancia magnética para á que teñen unha indicación clínica que nalgúns casos se supera ata en medio ano”, advertiu, precisando que se ben ao longo de 2023 os tempos de espera en cirurxía melloraron lixeiramente, en consultas empeoraron.
Iria Carreira referiuse ás listas de agarda, estruturais e non estruturais, como “unha mostra máis de como o Goberno do PP está degradando a sanidade pública até o punto de facela insostible. Coa aprobación da lei de garantías de prestacións sanitarias, do 2013, “viron unha oportunidade dourada para fortalecer a sanidade privada e así levan 11 anos derivando pacientes para a realización de cirurxías, para facer probas complementarias, ata o punto de que hai algunhas que practicamente non se realizan na sanidade pública”, censurou.
Diante da negativa do xerente do Sergas a dar os datos solicitados polo BNG na Comisión de Sanidade, máis alá de porcentaxes, a deputada do BNG volveu reclamarlle ao Goberno do PP que faga públicos todos os datos das listas de espera, porque -advertiu- “non son un secreto de Estado” nin hai regulamento algún que prohiba que se dean a coñecer.