parlamento galego

BNG denuncia que segue sen resolverse a falta de cadro de persoal definitivo para atender necesidades especiais no CPI da Cañiza

Cistina Fernández Davila
A deputada Cristina Fernández Davila acusa o PP de faltarlles ao respecto ao alumnado e ás familias e de facer unha verdadeira sabotaxe ao ensino público

A deputada Cristina Fernández Davila reclamou no Parlamento a urxencia de reformar o cadro de persoal permanente no Centro Público Integrado (CPI) da Cañiza, para poder atender como é debido o alumnado con diversidade.

A portavoz de Educación do BNG reprochoulle ao PP non amosar “respecto” polo alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) nin polas súas familias, e acusou o conselleiro de Educación de “sacar peito” con datos “manipulados” que o único que confirman é un “continuísmo na súa estratexia de desmantelamento do ensino público”.

Na iniciativa, o BNG solicitaba un profesor para atender unha nova aula de Infantil así como un especialista en Audición e Linguaxe (AL).  O  director xeral de Centros e de Recursos Humanos da Xunta,  Xesús Manuel Álvarez Bértolo, acusou a deputada de mentir nos datos pero non aclarou se ía incrementar o cadro de persoal do CPI A Cañiza.

Fernández Davila sinalou que mentres o PP reduce as prazas nos cadros de persoal estables nas escolas e institutos galegos, o conselleiro, no Pleno desta semana “presume ter contratado o maior número de profesorado e especialistas da historia”, anunciando 400 docentes por dez meses, que na realidade están vinculados a fondos finalistas que recibe da Unión Europea vía Ministerio de Educación, “exactamente igual ca en anos anteriores pero con redución de persoal docente.”  

Acusou o PP de mentir co seu Plan Mega de mellora educativa xa que “está vender como profesorado a maiores o que non é outra cousa que unha parte dos docentes que se lle negou aos centros tan só dous meses antes, aforrando mentres dotan con menos docentes e especialistas dos que recortaron en xuño, desatendendo as peticións reiteradas dos centros educativos”, criticou.

Fernández Davila acusou o PP de facer unha “verdadeira sabotaxe” cara ao ensino público. “Vostedes seguen a maquinar cal vai ser o seguinte paso para deixar este servizo público en peores condicións aínda e provocar así que as familias vaian desviando a súa preferencia cara ao ensino privado, que seguen a financiar bastante máis alegremente”, recriminou.

Na pregunta oral na comisión 4ª de Educación e Cultura, a deputada argumentou que este curso no CPI da Cañiza, a matrícula en 4º de Infantil medrou e que polo tanto precisan desdobrar unha das aulas con 21 crianzas, unha delas con NEAE. Con ese desdobre, e cunha aula a maiores de Infantil, o centro só contaría con catro docentes, (unha delas  propia directora), e un só a maiores de apoio, polo que, asegurou, “é ben difícil que se poida atender a todo o alumnado, cunhas idades nas que se precisa estar baixo unha estreita supervisión”, advertiu.

Fernández Davila asegurou que o mestre que lle foi asignado ao centro desde o Programa de Orientación e Apoio (PROA+) chegou en calidade de titor desa aula a maiores de Infantil en lugar de facer a tarefa de apoio ou reforzo ao alumnado que o precisaba . “Ninguén entende o que está a acontecer e como se lle están negando os seus dereitos ao alumnado de Infantil, así como ao resto das nenas e nenos con Necesidades Específicas de Apoio Educativo”, subliñou.

A deputada do BNG trasladoulle ao PP a necesidade que teñen as familias do CPI da Cañiza dunha atención individualizada e permanente, cun orientador que realice os informes precisos nun breve prazo (“o primeiro trimestre a ser posible”) para contar cos medios para a súa atención específica no centro,  coa dotación dos medios profesionais que precisa cada alumna e coa información e apoio ás familias para poder entender mellor as distintas características das súas crianzas e poder así axudalas ao longo de cada etapa educativa da súa vida.

“Non se poñan de lado e teñan en conta os informes de orientación e médicos que, precisamente, reflicten as necesidades de cada neno ou nena e os medios precisos para que o seu avance persoal e educativo sexa unha realidade”, manifestou.

O CPI A Cañiza ten 494 crianzas matriculadas, entre Infantil, Primaria e Secundaria, das cales, 149 son alumnado NEAE, un 30,16% do total, unha porcentaxe que a deputada cualificou de “moi elevada” en contraposición cos efectivos, “moi limitados”:   1 orientadora compartida co CEIP de Valeixe, 2 de Pedagoxía Terapéutica (PT) en Primaria, 1 PT na ESO e 1 especialista en Audición e Linguaxe (AL) para todo o centro.  Esta mesma semana, segundo lle trasladaron desde o centro,  volveron denegarlle 1 AL máis.

Profesores esgotados

Cristina Fernández Davila quixo denunciar ademais unha situación na que o profesorado “está esgotado”, con gardas no centro, no patio ou no autobús escolar, que participan en plans impulsados pola Xunta como os de igualdade e convivencia, as situacións de emerxencia coma a Covid; Tamén xestionan saídas do centro ou axudan a estes nenos e nenas máis vulnerables.

Estas funcións, á marxe da súa propia como titores e ensinantes, “está a provocar moitos problemas de saúde mental” que requiren baixas laborais ou mesmo acaban derivando en xubilacións anticipadas, asegurou.

Todo isto provoca que os que máis sofren esta situación de precariedade sexan os alumnos e alumnas, “especialmente os máis vulnerables”, lamentou.