BNG denuncia que Rueda renuncia a exercer as competencias en materia educativa e ponse ao servizo de Xénova e de Feijóo
A portavoz de educación, Cristina Fernández considera “vergoñenta e humillante” a posición da Xunta do PP en relación coa selectividade
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que Alfonso Rueda renuncia a exercer as competencias en materia educativa e acúsao de poñerse ao servizo de Xénova e Feijóo. Fíxoo a través dun comunicado da portavoz de educación, Cristina Fernández Davila, quen considerou “vergonzosa e humillante” a posición da Xunta do PP en relación coa selectividade.
A deputada cualificou de “ataque sen precedentes contra o autogoberno galego” o acordo asinado esta mañá por gobernos dos Partido Popular e Vox de once comunidades autónomas para unificar sa probas de acceso á universidade, porque -asegurou- supón “ impoñer unha axenda partidista, centralista e uniformizadora”.
Fernández Davila sinalou que “Rueda renuncia a exercer o autogoberno, as competencias de Galiza en materia educativa” para acusalo de “poñerse ás ordes da estratexia partidista e centralizadora do PP de Xénova”, constatando que, entre defender os intereses de Galiza ou os intereses partidistas do PP, “Rueda opta por acatar submisamente o que lle ordenan desde a sede de Xénova”.
Neste sentido a deputada considera que os consellos da Xunta “son un paripé, porque as decisións se toman 600 km de distancia, na sede central do PP”.
Davila tachou de “indigno” que o PP de Xénova impoña ao goberno galego “unha decisión que supón unificar contidos e datas, sen ter en conta as características propias do noso territorio, así como o noso idioma”.
A deputada nacionalista anunciou que “dende o BNG seguiremos defendendo unha ampliación de competencias dirixidas a un maior autogoberno, e por iso aspiramos a desenvolver unha lei de educación propia que teña en conta a nosa singularidade, e os retos e necesidades da sociedade galega do século XXI”, concluíu.