BNG denuncia que PSOE, PP e Vox se unen para impedir que se investigue o derrubamento do viaduto da A-6
“Fica claro que nisto o PSOE e as dereitas ultras teñen coincidencia de intereses en tentar tapar as posíbeis responsabilidades, quer de cargos públicos, quer das empresas construtoras”
Néstor Rego acusa o Goberno de tentar ocultar información á cidadanía sobre as causas do colapso e as posíbeis responsabilidades e reclama máxima transparencia
O Bloque Nacionalista Galego denuncia o veto realizado por PSOE, PP e VOX na xunta de portavoces do Congreso para a creación dunha Comisión de Investigación impulsada pola frente nacionalista sobre o colapso do viaduto da A-6, producido hai case un ano. O BNG demanda a publicación de toda a información relativa ao suceso e aclarar as causas que provocaron o derrubamento para “depurar responsabilidades e proporcionar seguranza a todas as persoas usuarias da infraestrutura”. O deputado nacionalista, Néstor Rego, denuncia a pinza exercida por PSOE, PP e Vox para que a proposta non saíse adiante, unha actitude que deixa entrever que os anteriores gobernos do Estado, de PSOE e PP, teñen algo que agochar.
A xunta de portavoces da cámara baixa vén de rexeitar a proposta do BNG para a creación dunha Comisión de Investigación sobre o derrube do viaduto da A-6 no Castro. Os votos en contra de PSOE, PP e VOX provocaron que a iniciativa rexistrada pola frente nacionalista non poida ser debatida e votada no pleno do Congreso. Unha votación, a da xunta de portavoces, que mostra que os anteriores gobernos do Estado -tanto de PSOE como de PP- teñen algo que esconder a respecto da construción desta infraestrutura.
“O BNG leva meses reclamando explicacións, así como unha auditoría das infraestruturas semellantes, comezando polos outros viadutos da A-6 e da autovía das Rías Baixas que empregaron o mesmo sistema construtivo” lembra o deputado. En palabras de Néstor Rego, “non é normal que unha ponte colapse cunha antigüidade de vinte anos” e mesmo non existe, aínda a día de hoxe, unha explicación convincente de cales foron as causas do colapso.
“O informe do MITMA fala de cuestións como “deterioro dos materiais empregados”, “corrosión da estrutura interna” “menor porcentaxe de formigón da esperada”, etc., mais non se explica cal é a causa última de que isto acontecese, se foi un inadecuado proxecto construtivo ou unha inadecuada execución dese proxecto construtivo mais é evidente que algo fracasou” sinala Rego.
Rego tamén denuncia que o Ministerio encargou o informe sobfre o derrubamento a dúas empresas (MC2 e Ideam) que traballan habitualmente coas empresas construtoras, FCC e ACS, o que, como mínimo pon en custión a credibilidade deste.
Aliás, onte coñeceuse que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana derrubará un viaduto próximo ao do Castro para reconstruílos conxuntamente e que admite que hai outros viadutos semellantes que tamén teñen problemas” apunta Rego. Neste sentido, o deputado recrimina que o MITMA continúe sen dar explicacións, “o que non contribúen a tranquilizar as persoas usuarias destas infraestruturas”.
Ante o veto realizado por PSOE, PP e VOX para a creación da Comisión de Investigación, Néstor Rego avanza o rexistro de novas iniciativas para que o Ministerio de Transportes proporcione máis información sobre o acontecido. “A cidadanía galega e as persoas usuarias teñen dereito a saber que sucedeu e coñecer se poden circular con seguranza por estas estradas” destaca.