BNG denuncia que a “macrocelulosa” de Altri pode ser “o tiro de graza” para unha ría de Arousa en continuo devalo produtivo
Rosana Pérez tilda de estafa un proxecto que en realidade é unha “celulosa mastodóntica” que causará un gran prexuízo ambiental e socioeconómico
O Bloque presentará un plan para a mellora da calidade da auga do Ulla e a rexeneración e reactivación da produtividade e o emprego na ría arousá
A deputada Rosana Pérez advirte que a instalación de Altri en Palas de Rei pode supoñer “o tiro de graza” para a ría de Arousa ao verse afectada por un proxecto que a Xunta comprometeu como unha factoría de fibras téxtiles pero que, segundo a propia empresa, é en realidade unha “macrocelulosa”.
“A Xunta leva anos prometendo unha instalación para a fabricación de fibras téxtiles que non vai ser, segundo o propio proxecto de Altri, máis que unha celulosa mastodóntica”, denuncia a deputada nacionalista, quen adianta que o BNG vai exixirlle ao Goberno do PP “todas as explicacións do que pode significar esta macrocelulosa para o río Ulla e para a ría de Arousa”.
Neste sentido, cómpre lembrar que, segundo recoñece a empresa no seu proxecto, a fábrica proxectada produciría 250.000 toneladas de celulosa e só 60.000 de fibras téxtiles (lyocell) nunha primeira fase, cantidades que ascenderían a 400.000 e 200.000 toneladas, respectivamente, coa factoría a pleno rendemento.
O proxecto supón tamén unha agresión directa aos recursos hídricos, coa captación de 16 millóns de metros cúbicos ao ano (46.000 diarios), e un enorme impacto medioambiental e socioeconómico, coa vertedura ao río Ulla de aproximadamente o 80% da auga logo de sometela a procesos industriais contaminantes e de depuración industrial, o que danaría a un río que xa ten uns elevados índices de contaminación e que desemboca nunha ría de Arousa que leva anos vendo caer a súa produtividade.
“Unha nova estafa que pode supoñer o tiro de graza para unha ría que xa está nun proceso de continuo devalo produtivo e de perda de postos de traballo na pesca, no sector do mexillón e no marisqueo”, resume Pérez, quen recorda que só nos últimos tres anos a ría de Arousa perdeu 200 mariscadores e mariscadoras, o 7% dos que había en 2020.
Neste contexto, a deputada avanza que o Bloque proporá no Parlamento un plan “verdadeiramente sostíbel” que contemple tanto a mellora integral da calidade da auga e da biodiversidade da bacía do Ulla, como a rexeneración e reactivación da produtividade e a recuperación do emprego na ría de Arousa.
Pérez defende a alternativa nacionalista fronte a un PP que “leva anos autoproclamándose máximo defensor do mar” pero que, sen embargo, leva “os mesmos anos votando en contra” das iniciativas do BNG para protexer o sector, tales como “investigar e actuar diante das causas da alarmante perda de produtividade” na ría arousá, establecer un protocolo de baleirado dos encoros que “impida ás eléctricas incidir na baixa salinidade das augas e arruinar os bancos marisqueiros” ou crear un seguro público de produción marisqueira que “garanta unha renda digna ao sector”.
Un Partido Popular que tamén votou en contra da proposta do Bloque para poñer en marcha un “verdadeiro plan de rexeneración” da ría de Arousa, “que se coñecía como a ría máis rica do mundo e que vai camiño de se converter nun dos maiores sumidoiros do País”, conclúe.