parlamento galego

BNG denuncia que o grao de Psicoloxía da universidade privada de Abanca supón unha clamorosa vulneración da Lei do SUG

Daniel Castro

Daniel Castro acusa o PP de avanzar no seu modelo privatizador ao permitir que se impartan uns estudos que xa oferta a Universidade de Santiago

A autorización do grao de Psicoloxía á Universidade Intercontinental da Empresa –a universidade privada de Abanca- incumpre a Lei do Sistema Universitario de Galiza do ano 2013. Así o advirte o deputado do BNG Daniel Castro, que vén de rexistrar no Parlamento unha iniciativa na que reclama á Xunta que reavalíe a autorización e posta en marcha desta titulación, que xa se oferta na Universidade de Santiago.

"Mentres o PP está a anunciar as matrículas gratuítas sen aumentar a financiación ás universidades públicas, segue co seu modelo privatizador concedendo un grao privado que incumpre a Lei do Sistema Universitario galego de 2013, xa que duplica estudos que xa ofrece a universidade pública", explica o deputado nacionalista.

Lembra, neste sentido, que o pasado 24 de xuño, o Consello da Xunta deu o visto e prace á creación da Facultade de Ciencia, Tecnoloxía e Xestión da Saúde da Universidade Intercontinental da Empresas que, segundo avanzou Alfonso Rueda e a propia institución privada, comezará a ofertar o grao de Psicoloxía, que xa pasou polo Consello Galego de Universidades.

Castro subliña que a creación da única universidade privada en Galiza xa recibiu no seu día fortes críticas  por parte de todos os entes da universidade pública, polos sindicatos e partidos da oposición. Agora, a creación deste grado de Psicoloxía “na universidade do señor Escotet” convértese nun “novo paso privatizador  amparado pola Xunta e nun novo ataque á universidade pública do noso País”.

Denuncia, neste sentido, a “evidente duplicidade na oferta”, xa que o título de Psicoloxía impártese dende hai moitos anos no campus compostelá, “polo que existe unha clamorosa vulneración da Lei Galega do ano 2013, que non permite a creación de graos xa existentes no SUG”. "O mesmo PP que vota en contra da gratuidade dos libros dá o visto e prace a un grao que o noso sistema público de universidades xa ofrece", subliña, criticando ademais que o PP sega o seu “modelo privatizador” mentres anuncia matrículas gratis sen aumentar a financiación ás universidades públicas.