parlamento galego

BNG denuncia que o Goberno do PP deixou sen executar máis do 67% dos fondos para a construción de vivenda pública

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández considera “anecdóticos” os anuncios de Rueda, que non van resolver o problema de acceso á vivenda tras 15 anos alimentándoo

A portavoz de Vivenda do BNG, Alexandra Fernández, acusou ao Goberno do PP de deixar sen executar máis do 67% dos fondos comprometidos para a construción de vivenda de promoción pública só no ano 2023. “O que propón o PP é moita propaganda e poucos resultados”, denunciou referíndose aos últimos anuncios feitos polo presidente da Xunta, que chegan despois de quince anos nos que o Executivo “aniquilou” a política de vivenda pública.

Segundo as últimas contas liquidadas, as de 2023, o Goberno en mans do PP comprometeu unha partida de 8 millóns de euros para a construción de vivendas de promoción públicas, máis apenas se executaron 2,6 millóns, é dicir, “dos de cada tres euros anunciados e comprometidos non chegaron a executarse”,  detallou a deputada. O mesmo sucede, afondou, coa partida prevista para a promoción de solo residencial, na que se investiron dous millóns, só un de cada tres euros programados.  

“O PP vai dando tumbos en política de vivenda, porque anuncia orzamentos que non cumpre, compromete vivenda pública que non fai, cambia as normas que eles mesmos fixeron por ineficaces e, no que ten que ver con Xestur e o solo residencial, non ten a ninguén ao mando”, advertiu.

Alexandra Fernández acusou ao Goberno de Rueda de ofrecer tan só propostas “de pequeno alcance e case anecdóticas” para intentar resolver o problema de acceso á vivenda, unha crise “insostible” que o propio PP  alimentou “fomentando o seu uso especulativo e aniquilando o investimento público en vivenda”. “Hai anos nos que non se licitou ni unha soa vivenda pública”, denunciou, para criticar tamén a falta de cumprimento incluso dos últimos compromisos adquiridos, como o de licitar nos primeiros días de goberno a construción de 350 vivendas públicas cando só adxudicou dous contratos para 88 inmobles (50 na Coruña e 38 en Vigo).

A portavoz do BNG na materia criticou ademais a suba do 30 % que o Executivo do PP vén de aplicar ao prezo da vivenda protexida, facéndoa máis inaccesible para as rendas baixas. Segundo explicou, un piso de tamaño medio custa agora 203.067 euros, unha cantidade difícil de asumir para salarios de 1.500 euros.     

A proposta do BNG, neste sentido, pasa por axustar os prezos e establecer bonificacións á renda en función dos ingresos, así como converter en permanente a cualificación de vivenda pública de maneira que calquera transacción se faga a prezo taxado. Fernández reclamou ademais aumentar a reserva de solo residencial e que se constrúa vivenda protexida máis alá das grandes urbes, tal e como defende o Bloque.

A deputada do Bloque reclamou a Rueda que sexa “valente” na súa política de vivenda, pois o que precisa Galiza son “medidas estruturais e non parches ou anécdotas que nin sequera cumpre”. Reclamou, neste sentido, que o Goberno galego lidere a declaración de mercados tensionados, unha cuestión na que o PP  “vén dando bandazos”, porque primeiro intentaron pasarlle a responsabilidade aos concellos e agora “por mandato de Génova” veñen de asinar un documento “partidista” no que asumen a potestade da Xunta.

Limitación das VUT e máis axudas ao alugueiro.

A responsábel nacionalista reprobou ademais que  o Executivo de Rueda non contemple “nin unha soa medida” para frear o aumento das  Vivendas de Uso Turístico (VUT). Máis ao contrario, segue amparando as “ilegalidades” permitindo que non seu rexistro figuren aquelas que non teñen o título habilitante municipal, que só en Santiago son máis de 700.

A proposta do BNG pasa, neste sentido, por establecer un réxime de limitación de VUT, definindo zonas de alta concentración nas que se aplique un tope máximo deste tipo de vivendas. O Bloque defende tamén a prohibición de converter en VUT pisos de promoción ou inmobles que recibisen axudas á rehabilitación.

Mobilizar vivenda baleira é tamén unha prioridade na proposta nacionalista que, neste punto, inclúe un marco regulatorio propio, con medidas impositivas e de fomento, entre outras cuestións. Alexandra Fernández reclamou así mesmo máis axudas e máis axilidade na concesión de axudas o alugueiro “para que quen está nunha situación límite non quede na rúa”, concluíu.