parlamento galego

BNG denuncia que a Comisión de Contas leva máis dun ano sen reunirse e ten vinte e cinco informes pendentes de avaliar

Noa Presas: “É unha mostra máis da falta de transparencia do PP sobre temas tan importantes como a xestión da sanidade ou o pago das peaxes na sombra”

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, acusou ao Partido Popular de bloquear a Comisión do Consello de Contas do Parlamento, que leva xa máis dun ano sen reunirse e acumula en torno a vinte e cinco informes remitidos polo órgano fiscalizador e pendentes de avaliación.

“É unha mostra máis da falta de transparencia da Xunta e do menosprezo ao Parlamento de Galiza e ao propio Consello de Contas”, denunciou a deputada nacionalista, subliñando que é un deber dos grupos con representación na Cámara avaliar os informes que emite o órgano fiscalizador “sobre temas tan importantes como as contas do Sergas, a xestión dos fondos europeos ou as peaxes na sombra”.

En opinión de Noa Presas, resulta “escandaloso” que o PP aínda non teña activada esta comisión, que mantivo o seu último encontro o 13 de abril de 2023, unha reunión

-lembrou- que deu lugar á aprobación en pleno da Conta Xeral de Galiza de 2020. Porén, está pendente aínda o debate e aprobación da Conta Xeral do 2021, remitida polo ente fiscalizador en xullo do ano pasado, e a correspondente a 2022, recentemente entregada no pazo do Hórreo.

“A convocatoria de eleccións non xustifica que esta comisión non estea nin sequera prevista”, manifestou Presas,  para quen o bloqueo responde ao interese do PP de ocultar información ao Parlamento “co obxectivo de que non se vexa a chapuza da súa xestión”. “Falan moito de rexeneración democrática pero logo impiden que haxa transparencia”, como veñen de facer -engadiu- ao vetar no Parlamento a creación dunha comisión de investigación sobre os contratos de emerxencia, sen concurso público, licitados pola Xunta durante a pandemia.

De feito, entre os informes que esta comisión permanente non lexislativa ten pendentes de avaliar figura a fiscalización do impacto da  pandemia da covid no ámbito da contratación do Sergas, na que o Consello de Contas atopou tanto irregularidades como actuacións que non se axustan a lei, tal e como denunciou tamén o BNG.

Agardando a ser estudados pola Comisión de Contas atópanse tamén os informes recentemente publicados que cifran as achegas da Xunta á sanidade privada en preto de 226 millóns de euros en 2022,  amosando a “privatización do Sergas”, salientou a deputada ourensá.

Para dar conta da relevancia da comisión, Presas referiuse así mesmo ao informe do órgano fiscalizador que concluíu que a Xunta paga 44 millóns de euros de máis polas autovías con peaxe na sombra.

Todas cuestións que xustifican, avanzou Presas, a petición formal que o BNG vai rexistrar no Parlamento para que se convoque este órgano do Parlamento e os deputados poidan facer o seu traballo de fiscalización ao Goberno da Xunta. “O compromiso do Bloque é coa transparencia, o rigor e co traballo que nos encomendaron os galegos e as galegas como líderes da oposición”, aclarou Noa Presas.