BNG denuncia que a comercializadora de Rueda é unha “gran cortina de fume” para seguir beneficiando o lobby eléctrico
Rodil empraza o PP a aclarar se van pagar cos cartos públicos a diferencia entre o que custará a enerxía no mercado e o prezo de venda rebaixado
As propostas do Bloque para poñer a riqueza enerxética ao servizo do País: empresa pública de produción, distribución e comercialización, e tarifa propia
A viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, denunciou que comercializadora de enerxía anunciada por Rueda tras o “retiro espiritual” de Sober é unha “gran cortina de fume” para intentar tapar as “nefastas consecuencias que ten para Galiza a política enerxética do PP” e para seguir beneficiando o lobby enerxético. “O único que está a facer o PP é avanzar cara adiante na súa política depredadora e ao servizo das súas empresas amigas”, denunciou.
Rodil compareceu xunto ao portavoz de Enerxía do Bloque, Xosé Manuel Golpe, para denunciar as “mentiras” sobre o anuncio do Goberno do PP, pois nin será pública a comercializadora nin a empresa que a promove, Recursos de Galiza, na que a Xunta só ten o 30% do accionariado, sendo o 70 % restante de empresas privadas que “nada teñen que ver co sector eléctrico e moito menos coa produción de enerxía”.
“O Goberno de Rueda intenta calmar o enorme malestar social que está xerando este boom eólico depredador e a inseguridade xurídica xerada no sector pola propia Xunta”, engadiu a deputada nacionalista, subliñando, neste punto, a paralización cautelar de 60 parques eólicos por parte do TSXG ou o “caos” xerado pola xestión do PP, con fragmentacións ilegais de parques, proxectos eólicos en espazos protexidos ou parques fóra das áreas de desenvolvemento eólico.
A viceportavoz nacionalista advertiu, por outra banda, do risco de ilegalidade que ten a venda a perdas que contempla a comercializadora do PP que, seguindo as explicacións da conselleira, vai mercarlle a enerxía ás grandes produtoras que impulsan os novos parques eólicos para vendela por debaixo do prezo de mercado. “A venda da perdas, por debaixo de prezo de mercado, é dumping e é ilegal”, advertiu a deputada do Bloque.
Rodil emprazou ademais ao Goberno de Rueda a aclarar se finalmente vai ser a Xunta, cos cartos públicos dos galegos e as galegas, quen vai pagar a diferencia entre o que cobrarán pola enerxía as grandes produtoras e o prezo por debaixo do mercado que se pretende ofertar coa comercializadora. Vai asumir ese diferencial o 70 % do capital privado de Recursos de Galiza ou vai ser unha vez máis o goberno galego e con el o conxunto da sociedade deste País quen teña que pagar a factura?”, preguntouse.
Destacou, finalmente, que “non é crible” que o PP fale dunha “política enerxética social” despois de “cargarse” o complemento autonómico do bono social térmico que beneficiaba a máis de 80.000 familias que hoxe teñen máis dificultades para pagar a factura da luz.
A proposta realista do BNG para aproveitar a riqueza do País
Fronte á “propaganda” do PP para seguir beneficiando as súas empresas amigas, o BNG detallou a súa alternativa para, de verdade, poñer a riqueza do País ao servizo das galegas e dos galegos. Unha proposta que pasa por dúas medidas moi claras: unha empresa de enerxía 100 % pública que abarcaría produción, distribución e comercialización, e a creación dunha tarifa eléctrica galega.
Segundo explicou Xosé Manuel Golpe, o principal obxectivo da empresa pública que propón o Bloque é o de “participar na explotación dos recursos naturais de Galiza, comercializar a enerxía a prezos que permitan a competitividade das empresas e tamén loitar contra a pobreza enerxética, algo que a comercializadora de Recursos de Galiza non mencionou nunca”, apuntou.
Para acadar o seu obxectivo, a empresa pública participaría dos novos proxectos de xeración enerxética , ben dentro do accionarado ou ben a través da cesión dunha parte da enerxía xerada, non mercando paquetes ás grandes produtoras.
O BNG defende ademais a recuperación das concesións hidráulicas caducadas para a xestión pública, fomentar o autoconsumo e promover as comunidades enerxéticas de base social. “Cremos que a verdadeira transición está en transformar o consumidor en auténticos prosumidores, conscientes do que consumen, cando o consumen e como o pagan”, manifestou Golpe.
Golpe situou a eficiencia enerxética como outro eixo de traballo fundamental para acadar unha maior competitividade das empresas e mellorar as economías domésticas. Neste senso, asegurou, “a empresa pública, en colaboración con outros departamentos do goberno, podería levar a cabo programas de rehabilitación enerxética de vivendas ou medidas de mellora da eficiencia en instalacións públicas industriais”.
O portavoz de Enerxía subliñou, por outra banda, que nada impide a creación dunha tarifa eléctrica galega, que teña en conta o exceso de xeración que temos no País, cunha media de exportación dun 47 % a un 50%, e a distancia entre a xeración e o consumo. Unha tarifa que, recalcou, serviría para impulsar a reindustrialización de Galiza e para abaratar a factura eléctrica do tecido social e industrial do País.
“O noso é un modelo realista, que se pode conseguir con vontade política e que, de ver a luz, sería unha panca de transformación do tecido social do noso País”, concluíu o deputado nacionalista.