BNG denuncia a precariedade laboral en Ilunion pese a recibir 6,7 M€ en axudas para a integración de persoas con discapacidade
González pide á Xunta que atenda as denuncias dos e das traballadoras mobilizadas baixo a denuncia de “explotación non é integración laboral”
Deben ter un convenio colectivo xusto, retribucións dignas e que se cumpra o principio básico de a igual traballo, igual salario, reclama o BNG
A deputada de Vigo, Carmela González, trasladou ao Parlamento a precariedade e inseguridade dos traballadores e traballadoras de Ilunion Servizos Industriais, pese a tratarse dun centro especial de emprego (CEE) que ten como finalidade facilitar a integración laboral das persoas con algún tipo de discapacidade.
En concreto, González preguntou ao goberno do PP polos controles sobre unha empresa que ten recibido 6,7 M€ en axudas en tres anos para promover a integración laboral, pero co “chamativo” dato de que só 8.000 € tiveron como destino a adaptación de postos de traballo. “As mobilizacións do persoal de Ilunion contra a precariedade laboral que veñen padecendo ao grito de á explotación chámanlle integración merecen unha resposta do Goberno galego”, reclamou.
Este CEE en concreto presta servizos na automoción en Vigo, de tal xeito que traballan para Ilunion máis de 600 persoas desde empresas do sector como Stellantis, Benteler, Denso ou Lear, explicou González, indicando que o persoal dependente de Ilunion “fai o mesmo labor que outrxs empregadxs que ocupan postos sen adaptar, pero con salarios máis baixos e con peores condicións laborais”, denunciou.
A modo de exemplo, indicou a deputada nacionalista, un traballador ou traballadora de Ilunion percibe 1.050€ brutos, o salario mínimo, mentres que en Stellantis percibe 1.300€ brutos como se recolle no convenio do sector. En definitiva, reciben un 25% menos que unha persoa sen discapacidade no mesmo traballo e condicións”.
“A precariedade e inseguridade laboral que sofre o persoal de Ilunion, xunto cos altos ritmos de traballo aos que están sometidos, non se axustan á finalidade para a que foron constituídos os CEE”, recalcou González. A deputada viguesa subliñou que a orde de axudas para os centros especiais de emprego (CEE) da Xunta especifica que o posto “debe adaptarse ás condicións individuais de cada persoa, de xeito que poida desenvolver as tarefas sen menoscabo das súas capacidades”.
“Pero a realidade, denuncia González, é que os postos de traballo non están adaptados senón que son as persoas con discapacidade ás que se adaptan ao posto de traballo e como dato indicar que arredor de seis persoas non superan o período de proba cada mes”. Ademais da presión e do alto ritmo que impón a cadea de montaxe, o que provoca numerosas baixas, “xa que nas persoas con discapacidade agravan as súas doenzas ou aparecen outras pola súa condición e vense obrigadas a coller unha baixa”, explicou.
Afondando nas irregularidades, González indicou que non reciben a formación obrigatoria e todo isto nunha empresa, Ilunion, que nos últimos tres anos recibiu cuantiosas axudas públicas e, por tanto, a Consellería de Emprego debe implicar e investigar as denuncias para garantir que se cumpre a normativa en materia de inserción laboral de persoas con discapacidade e que se compren principios básicos como a igual traballo, igual salario, que teñen un convenio xusto e unhas retribucións dignas.