BNG denuncia a precaria situación do persoal traballador e dos usuarios e usuarias da residencia de maiores Concepción Arenal na Coruña
Rodil criticou a “sobrecarga de traballo” das traballadoras e traballadores do centro, no que “hai usuarios que non poden ser aseados ou non poden baixar almorzar porque non hai ninguén que os acompañe” e onde “só dúas auxiliares deben erguer, asear e vestir a 30 persoas usuarias dependentes”
A deputada do Bloque demandou saber o número de inspeccións levadas ao cabo pola Consellería de Sanidade e se a Xunta realizou algún tipo de sanción fronte os continuos agravios
O BNG levou á Cámara a situación de precariedade e vulneración de dereitos do persoal traballador e dos usuarios e usuarias da residencia Concepción Arenal, na Coruña. Un centro de maiores de titularidade pública cuxa xestión foi privatizada.
A portavoz de Dereitos Sociais, Olalla Rodil, denunciou que esta residencia “é coñecida por estes continuos agravios, por incumprir os rateos de persoal” e, ademais, por non ter persoal de enfermería dispoñible as 24 horas, como estabelece a normativa. Este centro pertencera ao grupo Domus Vi e na actualidade está xestionado pola empresa Samaín Servizos á Comunidade S.A, pertencente ao grupo CLECE S.A.
Desde a entrada da nova empresa, expuxo a parlamentaria nacionalista, as traballadoras iniciaron unha campaña de mobilizacións para demandar o cumprimento dos seus dereitos laborais os dereitos das persoas usuarias, cuxa asistencia e atención empeorou, segundo trasladou o propio cadro de persoal ao BNG e tamén en distintas denuncias diante de Inspección de Traballo. Unha empresa, dixo Rodil, que percibiu “9 millóns de euros de cartos públicos”.
“Imaxinen o que é asearse e vestirse en 12 minutos cando és unha persoa dependente”, criticou Rodil en alusión á situación diaria das persoas usuarias, de idade avanzada, que ven vulnerados “os seus dereitos, cando son persoas dependentes, a decidir sobre si mesmas”. A parlamentaria do Bloque explicou que hai persoal do centro “que conta que hai xente que baixa sen asear ou que, directamente, xa non baixan almorzar”. Un persoal do centro “sobrecargado” de traballo, “só dúas auxiliares deben erguer, asear e vestir a 30 persoas usuarias dependentes”, recriminou.
“Reúnanse coa empresa e coas representantes das traballadoras”, emprazou a deputada do BNG á secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social, María Francisca Gómez Santos, demandou saber o número de inspeccións levadas ao cabo pola Consellería de Sanidade e se a Xunta realizou algún tipo de sanción fronte os continuos agravios, preguntas que non obtiveron resposta concreta do Goberno do PP.