O BNG denuncia que o PP xa está deixando en papel mollado o acordo que permitiu desconvocar a folga na sanidade
O PP volve vetar as propostas do Bloque para incrementar o financiamento en primaria e atender ás demandas do persoal sanitario
A portavoz de Sanidade, Montse Prado, denunciou que apenas 48 horas despois de asinar o acordo que permitiu a desconvocatoria de folga na sanidade pública, o Goberno do PP xa está intentando descafeinar os seus contidos.
“Aínda non secou a tinta dun acordo para a desconvocatoria da folga na sanidade e xa empezaron os desmarques e as rebaixas: o presidente da Xunta dicindo que no acordo non hai nada sobre orzamentos e o xerente do SERGAS de que non vai haber diferenciación entre atención primaria e hospitalaria, fala de cooperación pero nada de estruturas diferenciadas. A tinta do acordo aínda sen secar e xa con rebaixas”, criticou Prado.
A deputada advertiu que a desconvocatoria “non significa que cese a indignación do persoal sanitario”. Para iso, hai que atender as demandas dos e das profesionais que representen unha aposta clara e decidida pola sanidade pública, “por iso seguimos pedindo o cese do conselleiro de Sanidade, recuperar o orzamento perdido de 2.000 M€ só en atención primaria e a cobertura de 6.070 prazas no SERGAS con contratos estables e dignos”, explicou.
“O abuso na contratación segue a ser permanente, a limitación dos dereitos laborais, a acumulación de contratos por días, a vinculación de persoas sen experiencia a cubrir servizos sensibles, as listas de espera maquilladas”, enumerou a portavoz de Sanidade. Por iso, “urxe incrementar as prazas de especialistas en pediatría e de familia, garantir equipos completos nos PACs e reverter as privatizacións tendo en conta que Galiza foi o territorio no que máis subiron os concertos coa sanidade privada”
A iniciativa do Bloque vetada polo PP propoñía un incremento de 273 millóns de euros para a atención primaria que se poderían executar reordenando as partidas dos orzamentos de 2019.
“A sanidade pública se defende practicando a sanidade pública, non predicando, senón practicando”, recalcou a portavoz de Sanidade, Montse Prado, “e os datos son teimudos a pesar de que os queiran agochar baixo toneladas de propaganda, igual que existe unha alta insatisfacción na sociedade galega porque teñen que esperar durante anos para ser atendidos, e iso é consecuencia das políticas do PP fronte ás que están as propostas do BNG que significan un cambio radical”, concluíu.