O BNG denuncia que o PP utiliza recursos públicos para promocionar a Feixóo a través das escolas infantís da Xunta
A deputada do BNG, Montse Prado preguntou hoxe na comisión de Política social polas cartas dirixidas ás escolas infantís da Xunta no Nadal para comunicar que a consellería de Política social quería facer un agasallo a cada familia dunha fotografía do neno ou nena do centro.
Por outra banda, explica Prado, o persoal das escolas infantís da Xunta de Galiza recibiron as fotos dos nenos e nenas, coa indicación de que “metidas nun sobre, xunto cunha carta do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo foran entregadas de xeito personalizado en man a cada familia”.
Para a deputada, esta iniciativa busca promocionar ao Presidente Feixóo cun gasto superfluo. Estamos, afirmou, ante “unha actuación electoralista e uso inxustificado de recursos públicos” utilizando a nenos e nenas como escusa para a promoción persoal do Presidente da Xunta.
A nacionalista criticou que mentres pais e nais continúan agardando por unha explicación polos casos de intoxicación alimentar ou a falta de pediatras, se execute un gasto para facer propaganda da persoa de Feixóo.
“A Xunta non atende as demandas das nais e dos pais e logo envía cartas de publicidade”. A parlamentaria reclamou atender as demandas dos profesionais para mellorar as instalacións das escolas infantís, repoñer materiais, cumprir cos labores de mantemento e dotalas de persoal para prestar unha atención de calidade. Que fagan realmente, o que teñen que facer, recalcou, porque a día de hoxe son “miles os nenos e nenas que quedan sen prazas públicas todos os anos”.
Prado aludiu a algunhas das reclamacións dos equipos de profesionais das escolas entre as que destacou: o arranxo de tellados, buratos nos xardíns, espazos reducidos para adultos e crianzas, pingueiras pola chuvia, problemas de calefacción, humidades nas paredes , xogos deteriorados ou falta de materiais de 0 a 1 anos. Mentres isto acontece, o goberno de Feixóo dedicase a enviar cartas as escolas infantís de maneira “electoralista ”para promocionar a súa figura.
Pola súa parte, o Xerente do Consorcio eludiu responder ás cuestións formuladas pola deputada do BNG sobre o custe do envío das cartas e si teñen previsto resolver as deficiencias denunciadas.