PP e PSOE comparten estratexia para dilatar a transferencia e o rescate da AP-9
Bará critica a “comprensión” de Feixóo: “Parece que foi seducido polo ministro de Fomento e que se está xestando un novo Pacto do Obradoiro”
O BNG denuncia que a visita do Ministro de Fomento, José Luís Ábalos, demostra que PP e PSOE comparten a estratexia para dar largas á transferencia e ao rescate da concesión da AP9, pois repiten idénticos argumentos para vetar a petición unánime do Parlmento galego. Cambian as caras, pero as forzas estatais manteñen a discriminación con Galiza.
“Veu vender abelorios e pretende tomarnos por parvos”, criticou o portavoz parlamentario de Infraestruturas Luís Bará. “Demostran que PP e PSOE comparten as mesmas posicións, e o exemplo máis claro disto é a AP9 pois escoitamos de boca do ministro de Fomento os mesmos argumentos en contra da transferencia que estiveron dando os sucesivos gobernos do PP como antes do PSOE”.
Para o Bloque, o anunciou dunha futura reunión da comisión bilateral de seguimento “non é máis que cortina de fume para desviar a atención do que verdadeiramente importa, que é conseguir a transferencia e o rescate da concesión da AP9 para acabar cos abusos da concesionaria e coa estafa das peaxes”, alegou Bará.
O deputado nacionalista tamén foi moi crítico coa actitude mostrada polo por Feixóo, proba de que hai un pacto táctico PP-PSOE. “Queremos denunciar a actitude contemplativa, condescendente e compresiva do presidente da Xunta. Parece que onte foi seducido de novo polo ministro de Fomento, como lle pasou con anterioridade cos ministros Íñigo de la Serna e José Blanco. Non sabemos se se estará xestando un novo Pacto do Obradoiro que xa sabemos o que deu de si”, ironizou.
A formación nacionalista denuncia o cambio de posición do PSOE, “desde a reivindicación ao esquecemento da débeda de 2.500 millóns de euros que Fomento deixou de investir en Galiza no último bienio”. Mentres Ábalos se apresurou a condonar a débeda de 300 millóns de euros do porto de Valencia, terra natal do ministro, ou a anunciar 1.400 millóns de euros para compensar a Catalunya, para Galiza mantén o veto a AP9.
“A visita do ministro forma parte da campaña electoral, veu a vender fume, facer promesas reiteradamente incumpridas, e xa estamos fartos de promesas, queremos compromisos que se expresan no BOE e nos orzamentos do Estado, investimentos en infraestruturas ferroviarias e viarias”, demandou Bará.
No caso da AP9, reclamou unha negociación bilateral “para que a transferencia e o rescate da concesión sen leven a cabo sen máis dilacións, sen máis escusas repetidas co único obxectivo de vetar o traspaso desta infraestrutura vital para Galiza”, concluíu.