O BNG denuncia a pinza PP-PSOE para arrebatarlle alcaldías na provincia de Ourense coas peores mañas políticas
Lémbralle a Feixóo que os populares asinaron o pacto antitransfuguismo
Ironiza sobre o andazo de tránsfugas nas filas socialistas que abre a porta a pactar co PP de Baltar que levou declive económico e social a Ourense
A dirección nacional do BNG considera de enorme gravidade o acordo PP-PSOE para sacar adiante unha moción de censura contra o goberno municipal de Castrelo de Miño, cuxa Alcaldía está agora baixo a responsabilidade da formación nacionalista, unha pinza entre populares e socialistas que advirten desde a Executiva Nacional responde a unha estratexia de ambas forzas para arrebatarlle alcaldías ao BNG na provincia de Ourense pola porta de atrás a través de negociacións nos despachos que, desde logo, non obedecen ao interese da veciñanza senón ao calculo partidista.
O Bloque considera ademais que esta moción está planificada con “nocturnidade” tendo en conta que se deixou pasar as eleccións do 12 de xullo para a súa presentación, nun intento premeditado de enganar á veciñanza evitando que expresara nas urnas a súa opinión sobre esta manobra de acoso e derribo.
O BNG tamén denuncia que esta estratexia usando as peores artimañas do transfuguismo non se limita a Castrelo de Miño, senón que ten xa a vista posta no concello de Viana do Bolo liderado tamén por un goberno do BNG.
A dirección nacionalista ironiza sobre o andazo de tránsfugas entre as filas socialistas que de inmediato se alían con PP de Baltar para deixar ao Bloque fora de gobernos municipais a través dunha moción de censura, xa presentada no caso de Castrelo de Miño e en cernes no caso de Viana do Bolo. En ambos municipios seguindo o mesmo modus operandi: edís socialistas do PSOE que se converten en tránsfugas para de inmediato pactar co PP e expulsar ao BNG da Alcaldía.
Neste sentido, a dirección do Bloque lémbralle ao presidente do PP, Alberto Núñez Feixóo, que o seu partido ten asinado o pacto antitransfuguismo, o que casa mal con esa estratexia do PP de Ourense de pactar con tránsfugas co beneplácito e os parabéns públicos de cargos do Partido Popular. Polo que só queda concluír que ou a palabra de Feixóo non vale nada ou en Ourense a súa autoridade dentro do partido está por debaixo da de Baltar.
En todo caso, o BNG pide ás direccións nacionais do PP e do PSOE que tome cartas no asunto para poñer freo a esa moción de censura cunha pinza inexplicable que resucita a peor práctica do transfuguismo político.