Congreso

O BNG denuncia a persecución dun militar galego por se opor a un manifesto pro-Franco

Néstor Rego

Néstor Rego salienta que en canto os altos mando que asinaron o manifesto en defensa do ditador Franco non son expedientados, os militares que o denunciaron si son sancionados.

O BNG ve inxustificábel que o cabo Marcos Santos Soto fose investigado pola Garda Civil na súa vida privada e acabase expulsado do Exército.

O BNG vén de denunciar no Congreso a persecución persoal por parte do Exército a un dos seus membros, o Cabo Marcos Santos Soto, por ter expresado opinións contrarias ao réxime franquista e que deron lugar á súa expulsión.

En 2018 ante a publicación do manifiesto titulado "Declaración de respeto y desagravio al general Francisco Franco Bahamonde, soldado de España", co apoio de 181 militares -unha cifra que chegou ascender a 600 novas adhesións e entre os que se encontraban xenerais, coroneis, almirantes e capitáns de fragata-, que estiveron ocupado postos de responsabilidade durante os anos en que estaban en activo, un grupo de militares decidiu dar a coñecer o seu posicionamento contrario a esta declaración.

“Ante á impunidade de aqueles que se adheriran ao manifesto de apoio á ditadura, os que manifestaron o seu posicionamento en contra víronse perseguidos e expedientados” explicou Néstor Rego.

O BNG destacou o caso do cabo Marcos Santos Soto, militar asinante da declaración contraria ao enxalzamento do ditador Franco, que se viu sancionado pola súa decisión de apoialo e que novamente volveu a ser expedientado cando relatou a súa experiencia nos medios de comunicación.

Aliás, por indicación da División de Operacións do Estado Maior, o Departamento do Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil investigou a vida persoal e as redes sociais do Cabo Santos Soto, o que levou á súa expulsión do Exército.

O deputado nacionalista preguntoulle ao Ministerio de Defensa se considera adecuada esta expulsión baseada na manifestación de opinións persoais amparadas constitucionalmente polo dereito de liberdade de expresión e se pensa corrixir a decisión de expulsión con deshonra e así restaurar os plenos dereitos propios dun militar licenciado.

Ademais, o deputado nacionalista solicitou coñecer "se o Ministerio abriu algún expediente aos militares que apoiaron o manifesto en defensa da figura do ditador Franco, porque, para alén do máis, estase a producir un agravio comparativo”.

O BNG ve inconcibíbel que o Exército tome este tipo de represalias contra quen se atreva a manifestar o seu posicionamento contrario ao réxime franquista en canto altos mandos pro-franquistas non son nin investigados pola súa defensa da ditadura.