Congreso

O BNG denuncia o perigo que se deriva da situación de abandono nas infraestruturas da liña FEVE

Néstor Rego

O BNG móstrase preocupado ante o abandono nas infraestruturas, dando lugar a varios accidentes –o último, rexistrado a noite do 19 ao 20 de febreiro- con persoas feridas.

Néstor Rego rexistrou no Congreso varias preguntas para que o Goberno central dea explicacións da situación na que se atopa a liña de ferrocarril Ferrol-Ribadeo.

O BNG exixe as inversións necesarias para resolver esta situación e facer que a liña opere en condicións de calidade e seguridade.

O BNG denuncia no Congreso a situación de desmantelamento da liña de ferrocarril Ferrol-Ribadeo, elos prexuízos para as persoas e sectores das áreas potencialmente usuarias. Esta situación de perigo que se deriva desa situación de abandono nas infraestruturas, está dando lugar a accidentes –o último, rexistrado a noite do 19 ao 20 de febreiro- con varias persoas feridas.

O BNG alertou de que só o pasado ano producíronse preto dun milleiro de incidentes, que teñen unha relación directa coa redución de persoal, a supresión reiterada de servizos –co conseguinte prexuízo ás usuarias e usuarios- e o abandono no mantemento das infraestruturas, como é o material rodante, estacións, problemática na expedición de billetes, etc.

Néstor Rego mostrase preocupado ante os accidentes ferroviarios que se está a producir e especial o último accidente que se produciu no Barqueiro, a causa dun desprendemento de terras no tramo de Viveiro a Ortigueira. “Este accidente pon de manifesto a situación de deterioro da liña ferroviaria e, sobre todo, a necesidade de actuacións urxentes para que este tipo de situacións non se volvan a reproducir” afirmaba o deputado. Actuacións que para o BNG implican “máis alá de anuncios baleiros de contido, decisións políticas claras, con inversións e prazos para a modernización da liña en condicións de calidade e operatividade”.