BNG denuncia que os pequenos negocios tardan 8 meses en recibir as axudas á dixitalización “de rápida resolución” da Xunta
BNG denunciou no Parlamento galego que as microempresas perceptoras das axudas á dixitalización articuladas pola Xunta para facer fronte á situación xerada pola COVID19 (programa denominado Cheques de Dixitalización) tardarán un mínimo de oito meses en recibilas, pese a que na propia orde de axudas establécese que estas son “de rápida resolución mediante concorrencia non competitiva e de execución inmediata”.
Nunha pregunta parlamentaria, o portavoz nacionalista de Emprego, Daniel Pérez, recordou que na base reguladora destas subvencións -dirixidas a micropemes que desenvolven a súa actividade en sectores especialmente afectados polo impacto da pandemia como a hostalería, o turismo, o comercio ao retallo ou os salóns de peiteado e estética- especifícase en distintos pasaxes que o programa nace “para articular axudas urxentes e áxiles para poder seguir traballando”. “Oito meses para cobralas no se pode considerar nin urxente, nin áxil”, reprochou para a continuación advertir que se incumpriron os prazos de resolución positiva do Igape e, polo tanto, o seu percibo.
Neste sentido, explicou que segundo a convocatoria, do pasado mes de xuño, o abono do 50% do importe da axuda realizaríase anticipadamente unha vez concedida e o outro 50% restante, unha vez que o Igape considerase xustificada a realización e pago do proxecto. A pesar do desembolso previo dos custos realizado polas e polos beneficiarios, a Administración non abonou o primeiro pago ata decembro e o segundo 50% “aínda a día de hoxe non foi recibido polas súas e seus destinatarios”.
Pérez afeou ao Executivo galego as présas coas que si aprobou o proxecto de simplificación administrativa e reactivación económica de Galiza que, segundo recalcou, “crea un marco legal abusivo que favorece a grandes fondos de investimento e grandes oligopolios para promover auténticos pelotazos”.
“Sabe cal vai ser a duración da tramitación administrativa para un proxecto eólico ao abeiro da lei de depredación bis?”, cuestionou ao vicepresidente segundo da Xunta: “oito meses en palabras do portavoz do PP na comisión 3ª do Parlamento”. “Canto vai tardar a propietaria dunha tenda de comercio ao retallo en ter no peto a axuda de dixitalización?”, continuou na súa argumentación: “mínimo, oito meses”.
Para o deputado nacionalista, isto “amosa ás claras” que o Goberno galego é áxil para “favorecer proxectos de grandes empresas, en moitos casos con efectos e impacto negativo no territorio”, pero non tan áxil para apoiar aos sectores máis afectados pola pandemia. Pérez insistiu en que tardar oito meses en cobrar o total da subvención, cando as e os destinatarios xa tiveron que adiantar o custo do proxecto, demostra “a falta de sensibilidade e compromiso da Xunta cos que máis o precisan”.