O BNG denuncia no Parlamento os vertidos industriais do polígono de A madalena ao afluente do río Furelos, en Melide
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas, (Mini), formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre os graves problemas orixinados polo vertidos industriais do parque empresarial de Melide ao afluente do río Furelos. Rivas denunciou que o polígono de Melide “carece de depuradora”, razón pola que os residuos industriais son vertidos ao río. Medio Ambiente, afirmou, incorre “nunha imprudencia temeraria” por permitir “un polígono sen EDAR nin vixilancia”.
O nacionalista explicou que o Polígono Industrial de Melide acolle un bo número de empresas, sendo esta ocupación tan alta que entre as empresas xa ubicadas queda a estas alturas pouco solo industrial libre. Neste sentido insistiu que é de obrigado cumprimento que o impacto medioambiental xerado por actividade industrial “sexa debidamente controlado e minimizado, por medio de dispositivos que reduzan os refugallos contaminantes e principalmente, a contaminación das augas”, algo, dixo, que non acontece no polígono industrial de Melide por carecer “da preceptiva EDAR”.
Na súa intervención asegurou que a consellería de Medio Ambiente, cuxa titular, Ánxeles Vázquez foi alcaldesa de Melide, era coñecedora de que os vertidos industriais que se depositaban no regato de Reboredo desenvorcan no Furelos e este no río Ulla que subministra auga para a poboación ademais de nutrir á ría de Arousa.
Dende o ano 1993 até o 2007, explicou o parlamentario do BNG, o goberno municipal do Partido popular en Melide “consentiu a falta dunha EDAR” a pesar do medre das exixencias de solo industrial. Rivas lembrou que o goberno municipal do BNG, en 2008 asinou a primeira fase dun protocolo coa consellería de Industria e Innovación por un valor de 360.000 euros para construír “unha EDAR”, pero o proxecto “foi tombado por un defecto de forma auspiciado polo propio Partido popular”.
O nacionalista criticou que a directora xeral de Medio Ambiente, Belén Docampo afirmara que a consellería coñeceu o problema no mes de agosto do presente ano.