BNG denuncia no Parlamento a negativa do PP a abrir centros de día na comarca da Costa da Morte
O deputado da Costa da Morte, Oscar Insua, denunciou no Parlamento a negativa do PP a abrir en 2025 cen prazas para centros de día na comarca, ao votar en contra da iniciativa do BNG, que tamén pedía poñer en funcionamento de xeito inmediato un edificio ofrecido polo Concello de Corcubión con capacidade para 22 prazas. “Descoñecemos as razóns polas cales a Consellería se nega, non só a poñelo en marcha senón tamén a reunirse cos representantes do goberno municipal”, manifestou.
Na súa intervención na comisión 5ª, Insua tirou dos datos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta, onde se recolle a relación de centros de día públicos, para constatar que en Fisterra, Corcubión, Cee, Carnota, Dumbría, Camariñas, Muxía e Vimianzo hai “cero prazas”.
O deputado nacionalista tamén fixo referencia ao anuncio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o pasado mes de abril, no que se asegurou que se financiaría a construción, mellora e ampliación de centros de atención aos maiores. Presentáronse cen concellos e seleccionáronse 24, tendo en consideración determinados criterios poboacionais, pero “o que non tiveron en conta foi incluír localidades onde non tivesen centros de día públicos, como é o caso desta comarca” e puxo de exemplo o periplo de calquera persoa veciña de Fisterra que conseguise praza e que “tería que percorrer 55 quilómetros se lle tocase en Cabana ou 50 se tivese que ir a Muros”.
Insua manifestou que a poboación destes concellos é de menos de 10.000 habitantes pero “toda xunta achégase aos 50.000 habitantes, sen contar a de Cabana e Muros, e -lamentou- só existe a ridícula cifra de 55 prazas públicas de centro de día a menos de 50 quilómetros”.
O deputado da Costa da Morte engadiu que “A necesidade de abrir centros de día na comarca é urxente, pois moitas familias non teñen posibilidade de conciliar a súa vida laboral ou familiar cos coidados que precisan moitos maiores dependentes, sobre todo de grado severo ou grandes dependentes”.
Insua non entende que “en pleno 2024 a Xunta de Galiza non dispoña de centros de día públicos na nosa comarca”, e que o PP “alardee de políticas de benestar para impulsar o rural e acabar co despoboamento”. Sen estes servizos, moita xente marcha ás cidades, onde existen residencias ou centros de día. Outras directamente teñen que deixar de traballar.
A situación é “límite” en moitos dos concellos da comarca, onde non abondan as horas do Servizo de Axuda ao Fogar “porque as persoas dependentes son dependentes as 24 horas e xente maior e con dependencia ten os mesmos dereitos que nas grandes urbes”, recalcou.
Na súa réplica, Insua contestoulle ao PP que a competencia de abrir centros de día e do Executivo de Rueda e non entende “como lles pide aos concellos que sexan eles quen teñan que facelo”. Engadiu que descoñecen “as razóns polas que a conselleira rexeita unha reunión co alcalde de Corcubión, que -remarcou- leva un ano pedindo unha cita e non se lle dá”.
En canto ás casas de maiores, insistiu na idea de cualificalos de “chiringuito porque -asegura- son un “dumping laboral”, con persoal que cobra menos de 800 euros netos ao mes”.
“Póñanse da pel da xente, teñan un mínimo de humanidade, apoien a iniciativa do BNG e fagan centros de día na Costa da Morte”, sentenciou.