BNG denuncia a “parálise” do Goberno do PP en concluír os estudos sobre a reforma do porto da Pobra do Caramiñal e darlle así unha solución ao seu sector marisqueiro
O BNG levou á Cámara a situación de “parálise” na que o Goberno do PP ten sometidos os estudos sobre unha posible reforma do porto da Pobra do Caramiñal debido á problemática ocasionada polas súas correntes mariñas, que dificultan considerablemente a actividade do sector marisqueiro. Estes estudos, denunciou Rosana Pérez, levan sen aportar conclusión algunha desde hai 12 anos.
Pérez fixo retrospectiva “de todas as demoras inxustificables” tamén dende o comezo da actual lexislatura no Parlamento, xa que na Comisión de Pesca do 16 de outubro de 2020, “aprobábase unanimemente instar ao Goberno galego ‘a poñer en marcha de inmediato todas as actuación que sexan precisas para analizar posibles solucións á situación do porto da Pobra pola modificación da dinámica das correntes mariñas, e a avaliar entre elas a apertura definitiva de varias canles de corrente no peirao comercial, de xeito que favorezan o desenvolvemento do marisco nas concesión do Areal e Os Raposiños’”, remarcou.
Despois destes “innumerábeis” anuncios “non vimos máis nada” indicou a deputada nacionalista, só en febreiro do 2021, en resposta escrita ao BNG, a Xunta afirmaba que o porto da Pobra atopábase entre os concellos beneficiarios dos traballos de redacción de proxectos para melloras en distintos portos de Galiza en proceso de licitación do servizo de redacción de estudos ambientais e proxecto de dragaxe para logo, en abril do 21, a Xunta asinara o contrato para a redacción de estudos previos ambientais e técnicos para obras de dragaxe en varios portos galegos, entre eles o da Pobra do Caramiñal “e tamén, en xuño do mesmo ano, que se estaban a levar a cabo batimetrías co obxecto da posíbel dragaxe”.
Pérez, criticou “que xa vaia para dous anos” o retraso nos estudos prometidos, neste caso, para a dragaxe do porto da Pobra do Caramiñal, “porque descoñecemos en que punto están as actuacións, se os traballos previos, o anteproxecto, o proxecto básico e o proxecto construtivo xa están elaborados”, incidiu.
A portavoz de Pesca e Marisqueo criticou que o Goberno do PP leve varios anos anunciando estudos e non conclusións definitivas “mentres o sector marisqueiro da Pobra leva 12 anos agardando unha resposta”, os últimos estudos notificados ao BNG foron de comezos do 2021, e quedaron caducados polo prazo de 19 meses para a súa execución, “sen que nin a Confraría nin as persoas que traballan no marisqueo nos bancos da Pobra teñan noticias nin conclusións das actuacións levadas a cabo”, denunciou.
Pérez concluíu a súa intervención trasladando a Portos de Galiza o malestar non só polo considerable retraso, senón polo agravante que supón a perda progresiva de profesionais nos seus bancos por mor da caída da produtividade.