O BNG denuncia un novo ataque do Goberno español ao noso sector gandeiro
Néstor Rego insta o Ministerio a modificar o proxecto de Real Decreto polo que se estabelecen normas para a nutrición sustentábel dos solos agrarios para adecualas á realidade galega. Rego salientou que esta normativa pon en risco os sectores de leite e carne de vacún, que cumpren a importante función de manter activa a economía e fixar poboación en amplas zonas do rural galego.
O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha Proposición Non de Lei para instar o Goberno español a modificar o Proxecto de Real Decreto por que se estabelecen normas para a nutrición sustentábel dos solos agrarios para que contemple así a realidade galega para que evite se lesivo para o noso sector gandeiro.
Unha vez máis o Goberno do Estado español pretende regular a aplicación de xurros e esterco en aras dunha suposta contaminación do aire por amoníaco, sen teren en conta a realidade do noso país. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, salientou que “o Ministerio non se atreven a levar a contraria aos lobbies do porcino e dos abonos de síntese e pretenden que se repercutan esas emisións de amoníaco ao sector gandeiro do vacún, tanto de leite como de carne, principalmente da Galiza e da cornixa cantábrica”.
O BNG advirte que se esta normativa entrase en vigor sen unha revisión substancial, daríase un golpe mortal á gandería de leite e carne da Galiza. “Unha vez máis, pondo en risco aos sectores de leite e carne vacún que cumpren a importante función de manter activa a economía e fixar poboación en amplas zonas do rural galego, sendo especialmente importante a gandaría extensiva de montaña” destacou o deputado nacionalista.
O proxecto obrigaría a implantar nestas explotacións gandeiras toda unha serie de requisitos para, teoricamente, controlar e racionalizar o uso de fertilizantes e xurros. Mais o principal problema encóntrase na difícil adaptación ou no cambio de toda a maquinaria de aplicación, cisternas e tractores, que faría imposíbel que poidan ser usadas na maior parte dos terreos agrícolas galegos, principalmente caracterizados pola súa pequena extensión e difícil orografía.
Ademais, Néstor Rego manifestou que o borrador ignora as boas prácticas agrícolas como efecto redutor destas emisións, e que o seu fomento e xeneralización sería altamente saudábel, ademais de ter un mínimo custo económico. “Entre elas estarían a promoción do pastoreo e o incremento da gandaría extensiva, o que tería outros beneficios, ademais da redución de emisións, como a menor dependencia de insumos exógenos aumentando a produción de pasto e o benestar animal. O dimensionamiento adecuado das fosas e a súa cubrición permitirían realizar o abonado cando sexa necesario para os cultivos, no momento óptimo, e non cando a fosa está chea, podendo así axustar o balance de nutrientes. Esta medida tería ademais a vantaxe de reducir o consumo de abonos de síntese mais curiosamente, non parece que isto lle interese ao Ministerio”.
Outras boas prácticas son o enterramento dos xurros xusto despois da súa aplicación ou a formación de costra nas fosas e tamén deberían ser fomentadas antes de acudir como remedio ás sancións e a obrigar a facer investimentos millonarios e reformas drásticas que levarían ao endebedamento insostíbel dunha alta porcentaxe de explotacións galegas de vacún.
Polo tanto, a través desta iniciativa o BNG insta o Goberno español a elaborar un plan que inclúa as medidas necesarias para a extensificación, o pastoreo e as boas prácticas agrícolas que redunden na diminución das emisións de amoníaco, no benestar animal e na calidade dos produtos agrogandeiros.
O deputado nacionalista salienta que esta nova ameaza ao sector gandeiro galego pon en evidencia a necesidade de que á Galiza teña capacidade plena para decidir de forma soberana sobre a súa economía como único modo de evitar que decisións adoptadas en Madrid prexudiquen os nosos intereses e os nosos sectores produtivos.