BNG denuncia a “intolerable” situación do Centro de atención a persoas discapacitadas Souto de Leixa en Ferrol
O BNG levou ao Pleno do Parlamento a situación “intolerable” do Centro de atención a persoas discapacitadas Souto de Leixa de Ferrol, privatizado polo Goberno Feijóo en 2009, e cuxas familias e usuarios quéixanse do mal estado das instalacións, dos materiais e a precariedade do servizo, situación que tamén afecta ao persoal traballador.
Un centro “que ofrece unhas condicións que algúns cualifican de infrahumanas, señora conselleira”, espetoulle Ramón Fernández, deputado do BNG, á conselleira de Política Social, Fabiola García.
“As familias das persoas residentes quéixanse de que en moitas ocasións teñen que durmir vestidos por causa do frío, ou de que en moitas ocasións quedan con fame”, denunciou o deputado ferrolán, que incidiu no “mal estado” do centro e do material que a empresa debe proporcionar ás persoas residentes como camas, colchóns, roupa de cama, toallas ou mobiliario das habitacións.
A isto súmaselle a “inquedanza” das familias das persoas usuarias, preocupadas pola seguridade e benestar dos seus familiares ingresados no centro, xa que, describiu Fernández, “son habituais as agresións e as situacións de perigo entre as propias persoas residentes, en ocasións moi graves, e non hai persoal abondo para atallalas debidamente, os partes de lesións de urxencias acreditan estes feitos”.
Esta situación derivou non só nun escrito de denuncia das familias desamparadas pola Xunta” á fiscalía de Ferrol, remarcou o deputado do Bloque, senón tamén nun “ambiente laboral tóxico” para o persoal traballador do Souto de Leixa, “porque non se cumpren os rateos de persoal, e tanto uns coma outros, apuntan a esta falta de persoal como a causa principal da reiteración de episodios violentos e da imposibilidade de evitalos ou controlalos debidamente”, criticou.
O parlamentario nacionalista inquiriu varias veces á conselleira o porque “deste abandono do centro e das súas familias” e advertiu de que a empresa concesionaria “presiona para que o persoal non deixe constancia no libro de incidencias de todo o que alí pasa, de feito neste centro non usan o programa CENPOS para rexistrar as incidencias, senón que usan o sistema vello en papel”, reprobou.
Denuncias que foron recibidas como “alarmas” pola conselleira de Política Social, que decidiu falar das cifras orzamentarias sen facer referencia a compromisos para mellor a situación deste centro para persoas discapacitadas.