BNG denuncia a intención do Goberno do PP de instalar unha planta de residuos líquidos na entrada da Ría do Burgo
O BNG demandará na Cámara explicacións sobre a recente autorización da Xunta á empresa Limpoil para instalar unha planta de xestión de residuos líquidos na porta de entrada da Ría do Burgo, no peirao de Oza, unha zona de actividade marisqueira, de recreo, baño e lecer da Coruña que se pode ver afectada por esta planta.
A deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, recriminou que esta aprobación do Goberno do PP “é incompatíbel coa ubicación, coa protección das necesarias garantías medioambientais e de protección de riscos para a saúde humana”. Esta planta, criticou, “está instalada nunha zona moi concorrida, na entrada duna ría en fase de dragaxe, recuperación e rexeneración” como é a Ría do Burgo, unha zona, polo tanto, de alta sensibilidade medioambiental.
Esta decisión da Xunta pon fin a un proceso iniciado en 2015 que dende o primeiro momento foi contestado pola sociedade civil, como as asociacións veciñais ou ADEGA, a Deputación da Coruña e tamén polo BNG dos concellos de Oleiros, Cambre e A Coruña, onde esta planta foi rexeitada por maioría do Pleno municipal.
É por iso que a deputada pola Coruña inquerirá ao Executivo do PP porque se avaliou o posible dano ambiental desta planta cun procedemento simplificado; os informes de Augas de Galicia e da Autoridade Portuaria sobor deste tema; que mudanzas, se as houbo, fixo a empresa a petición da Xunta para cumprir coas garantías medioambientais e se os Populares ven esta decisión compatible co polo de creación de emprego e riqueza da Ría do Burgo como banco marisqueiro e medioambiente sostible.
Queixas advertiu, ademais, que o BNG “demandarálle á Xunta que rectifique nesta decisión e que, en todo caso, procure outra ubicación alternativa que teña consecuencias menos lesivas para o medioambiente e as persoas”.