parlamento galego

O BNG denuncia a insensibilidade do PP co alumnado con necesidades educativas especiais e as súas familias

Cristina Fernández

Cristina Fernández esixe máis medios en orientación e máis especialistas para garantir a atención que “por xustiza e equidade” precisan estas nenas e nenos

O curso iniciouse con 80 especialistas menos de Pedagoxía Terapéutica e 30 prazas de atención preferente para casos de maior discapacidade sen cubrir

 

A portavoz de Educación do BNG, Cristina Fernández, denunciou este martes o “abandono e o desleixo” do Goberno do PP cos nenos e nenas con necesidades educativas especiais e as súas familias que, dixo, loitan cada día para poderlles ofrecer as súas fillas e fillos unha atención axeitada, dentro e fora da escola. “Estas familias non poden escoitar de ninguén e menos da súa escola que non van ter os recursos que por lei, por sentido común e por xustiza e equidade lles corresponden”, denunciou.

Cristina Fernández defendeu no Pleno unha proposición non de lei, que se votará mañá, para que se incrementen os medios para a atención á diversidade, tanto nos centros escolares como a nivel sanitario. Unha iniciativa coa que o BNG, subliñou, quere poñer voz ás reclamacións das familias do alumnado con NEAE, “porque detrás de cada decisión de non dotar do profesorado necesario, hai familias e nenos e nenas que van sufrir abandono e o desleixo durante todo o ano”.

A deputada nacionalista denunciou que, malia ter aumentado notablemente nos últimos anos este tipo de alumnado (un 30 % de media), a Consellería de Educación aplicou recortes neste inicio de curso, no que a maior parte dos centros comparten orientador ou orientadora. Faltan, ademais, profesionais en Audición e Linguaxe (AL), Pedagoxía Terapéutica (PT) ou persoal auxiliar coidador.

“Este curso houbo 80 especialistas PT e AL menos e 30 prazas de atención preferente para nenos con maior discapacidade quedaron sen atender”, destacou Fernández, insistindo na necesidade de apoio que precisan rapaces como Mauro, un neno matriculado este curso no CEIP Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas que pasou  de ter cinco horas á semana de PT e outras tantas de AL noutro centro a non ter ningún apoio no actual, sinalou a deputada nacionalista, que aludiu tamén, entre outros, á situación no IES de Valarades de Vigo, con 2 PT menos e un 35 % de alumnado NEAE. No caso do CEIP Santa Mariña de Cabral de Vigo, centro referente para alumnado TEA, pasaron de compartir a estar este curso sen AL.

Cristina Fernández enumerou as carencias tamén en centros de Rianxo, Boiro, Lousame, A Laxe ou Cedeira, e expuxo así mesmo o caso de Carlota, unha nena de 4 º de Primaria cun 70 % de discapacidade, que usa un comunicador alternativo e cando se frustra autolesiónase ou agrede. Carlota non ten apoios dentro da aula aínda que o CEIP As Veigas solicitou para ela un PT preferente. Este curso só terá 5 horas de PT e 3 de AL á semana.

A iniciativa que defendeu Fernández Davila pedía, entre outras medidas, considerar a orientación como o motor de cambio pedagóxico dentro dos centros escolares, así como dar respaldo aos equipos para implantar programas dentro e fora das aulas e con respecto ás familias, aumentar o número de especialistas, valoralos como corresponde cunha mellor remuneración e dar continuidade estable a programas como o Proa+ ou o Acompaña.

A través da súa proposición non de Lei do BNG, a deputada do Bloque requiriu ademais da Consellería de Sanidade unha maior coordinación entre Pediatría, Neuroloxía, as familias e Orientación, así como persoal suficiente para o servizo de Neuroloxía Pediátrica co fin de axilizar as consultas e diagnósticos. No mesmo sentido, demandou que o servizo de Pediatría derive as posibles dislexias a Neuroloxía Pediátrica con rapidez para poder axudar ao neno ou nena canto antes.