BNG denuncia un inicio de curso con menos docentes, ratios máis altas e unha Xunta botando balóns fóra no canto de achegar solucións
O portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo, amosa a preocupación do BNG polo inicio do curso escolar que arranca hoxe e no que, segundo advirte, as familias “o que se atopan é cun ano académico no que hai menos profesores e profesoras -cun recorte de 700 docentes respecto do ano pasado-, no que hai unhas ratios máis elevadas, o que significa que imos ter máis alumnos e alumnas por aula, e no que haberá máis profesores impartindo materias das que non son especialistas”.
Ao seu xuízo, por se isto no fose de abondo, as familias galegas tamén se atoparán cuns custes de inicio de curso “sen precedentes en lustros” e con que “ni sequera temos publicados os currículos académicos”. Neste contexto, Lourenzo denuncia que “no canto de atopar un Goberno galego cunha Consellería de Educación preocupada por resolver uns problemas que non teñen precedentes, atopámonos unha consellería dedicada a botar balóns fóra e a buscar culpables, no canto de buscar solucións”.
O deputado nacionalista afirma que o que está a acontecer coa educación pública “é que se está a seguir exactamente a mesma folla de ruta de desmantelamento que se segue coa sanidade pública”, polo que advertiu que “o que está por derimir é se pretendemos que o ensino público saia desta crise máis fortalecido ou se, pola contra, imos seguir pola senda do desmantelamento e da privatización”.
Neste marco, reafirma o compromiso do Bloque na defensa da educación pública galega e insiste na necesidade de que a Xunta tome medidas de maneira urxente. Así pois, recorda as propostas nacionalistas que trasladará ao Parlamento galego e que pasan por un incremento inmediato de 1.000 profesores e profesoras máis, pola redución das ratios “para que todos os alumnos e alumnas poidan ser atendidas en función das súas necesidades”, pola articulación de bolsas anticrise -cunha dotación inicial de 25 millóns de euros para as familias con rendas per cápita inferiores a 12.000 euros- co obxectivo de que “os problemas económicos non sexan un impedimento na vida académica”, así como a recuperación do horario lectivo do profesorado e a recuperación da gratuidade dos libros de texto.