BNG denuncia incumprimentos na xestión do Spa do Viño do Mosteiro de San Clodio e insta á Xunta a fiscalizar a concesión
A portavoz de Facenda, Noa Presas, denunciou na Comisión 6ª do Parlamento os reiterados incumprimentos na concesión do Spa e centro de viñoterapia do Mosteiro de San Clodio, en Leiro, e reclamou ao Executivo do PP que exerza o seu labor de goberno e fiscalice o cumprimento das condicións establecidas no contrato de explotación destas instalacións.
Entre outras cuestións, a deputada do BNG denunciou que, ao igual que sucede co Hotel Monumento de San Clodio -en mans da mesma empresa concesionaria- o Spa do Viño permanece pechado durante boa parte de ano, malia que só estaría autorizado a facelo entre o mes de novembro e o Entroido. Tampouco se cumpre o prego, engadiu, no que ten que ver coa obriga da empresa a optimizar e asegurar a promoción e a difusión do turismo termal ou a conseguir o máximo nivel de afluencia de público a unhas instalacións para que se estimaron en 9.000 os clientes potenciais.
“É un escándalo que non se estean cumprindo as condicións de apertura e de traballo a favor da comarca do Ribeiro e que o Goberno do PP non faga nada, nin por transparentar esa xestión nin por dar información nin por fiscalizar que se cumpra”, subliñou a deputada ourensá, logo de lembrar que o contrato de concesión foi asinado en 2018 cun valor estimado de case dous millóns de euros á mesma empresa concesionaria do Hotel Monumento San Clodio, que leva máis de vinte anos “incumprindo sistematicamente” tamén as condicións de apertura. As dúas son instalacións clave para o desenvolvemento económico da comarca do Ribeiro, salientou.
Presas referiuse á xestión tanto do spa como do hotel situado no mosteiro como unha mostra máis do “fracaso global” do Plan Ourense Termal, lembrando no mesmo sentido que tamén no Concello de Leiro o balneario de Berán estivo pechado durante anos despois de terse feito un importante investimento público e de que o propio Plan Termal estimase a súa reapertura para 2014.
A deputada do BNG aproveitou a súa intervención para denunciar as trabas do PP ao labor de fiscalización e control ao Goberno no Parlamento, ao negarse a remitir a información requirida polo Bloque, neste caso respecto das concesións tanto do centro de viñoterapia, que finaliza dentro de seis meses, como do hotel monumento, que remata en 2025.
“Non estariamos aquí se o spa funcionase con normalidade”, aclaroulle Presas ao director xeral de Turismo, Xosé Merelles, no transcurso da súa pregunta, unha intervención na que quixo deixar claro que “estas tácticas que están usando para vulnerar a vontade democrática deste parlamento non lles van servir” . “O PP ten toda a lexitimidade para non aceptar as propostas do BNG, pero non para impedir ao BNG que exerza o seu labor de fiscalización das cuestións que leva a cabo o Goberno. Non teñen dereito a tomarlle o pelo aos galegos e as galegas nin tomar ao Parlamento polo pito do sereno”, engadiu logo das reiteradas negativas da Xunta a proporcionar a información que solicitou a propia Presas, á que o Goberno do PP, en lugar de remitir esa información, vén de convidar a acudir en persona a San Caetano para consultar a documentación.