BNG denuncia o incumprimento das axudas ás viticultoras e viticultores aprobadas en Pleno por unanimidade en setembro
Iago Suárez afea que o PP sacase unha liña de axudas ás bodegas en lugar de ás persoas que contribúen a preservar a paisaxe da Ribeira Sacra
O deputado Iago Suárez denunciou este venres na comisón de Agricultura o incumprimento por parte do PP do acordo unánime no Pleno do pasado 10 de setembro polo que se decidiu destinar axudas directas ás persoas viticultoras da Ribeira Sacra despois da crise na recollida da uva que se deu na vendima deste ano.
Suárez preguntoulle ao PP porque non cumpriu o acordado no Parlamento e afeoulle ao PP que aprobase unha cousa e fixese outra xa que no Diario Oficial de Galiza do 1 de outubro aparecen publicadas unhas axudas directas ás adegas, que era un dos requisitos que se pedía para poder acceder a elas, o de ser unha adega. Outra das condicións para acceder a estas axudas pedía que se comprase uva da variedade de tinto amparado pola denominación de Orixe Ribeira Sacra na campaña vitícola 2023-2024 ás persoas viticultoras. A terceira esixencia era a de ter utilizado uvas de variedade tinta amparada pola DO Ribeira Sacra dos seus propios viñedos na campaña 2023-2024.
Suárez advertiu que as axudas non marcaron porcentaxe de compra, de xeito que “poden mercar un 1% de uva a un viticultor e xa está”. Tamén as adegas poden facer trampa porque, “poden poñer unha persoa da adega titular dunha explotación dun viñedo, mercarlle as uvas a esa persoa e xa aspiran ás axudas”, exemplificou.
“Isto non foi o que votamos neste Parlamento”, aquí votamos axudas directas ás persoas e non ás adegas”, recriminou para aclarar que “nós votamos que nunha crise excedentaria como é a que viviu esta vendima a DO Ribeira Sacra, onde había un excedente enorme de uva, que esas persoas ás que se lles ameazaba con non recoller a uva -moitas delas fonte de ingresos única- que reciban axudas que lles compensen que non lle van recoller a uva”, reclamou.
Na súa exposición, o deputado da comarca lembrou que a Ribeira Sacra é un territorio que aspira a ser patrimonio da humanidade, “malia a que aínda non temos a candidatura que a Xunta do PP presentou e non sabemos en que criterios está baseada”, obxectou, cualificando de “curioso” que o Executivo de Rueda “non se opoña, ao igual que algúns concellos do PP, ao parque eólico do Neboreiro que atravesa de arriba a abaixo a Ribeira Sacra.
“Vostedes están a colgarse a medalla de que a Xunta de Galiza consegue que un territorio galego sexa patrimonio da humanidade, pero -apuntou- a Ribeira Sacra non é unha muralla, nin un castelo, é un territorio onde vive e traballa xente e que gana a vida todos os anos da viticultura e que non ten garantido que o poida seguir facendo”.
“É moi lamentable o camiño que estamos transitando agora grazas ao Goberno galego, que queden catro ou cinco adegas superbonitas na Ribeira do río Miño, que é por onde pasa o catamarán e por onde poden vir os turistas, e o resto de ribeiras dos outros ríos que queden totalmente a monte e abandonadas porque non é rendible hoxe dedicarse á viticultura”, lamentou.
Lembrou que A Ribeira Sacra é o único territorio de viñedo do Estado que é Ben de Interese Cultural (BIC) pero non ten garantida remuda xeracional.
Na quenda de réplica, o deputado recriminou que o Goberno do PP aprobase unha destilación de crise “sen que vaia ligada a unha campaña promocional dos viños tintos da Ribeira Sacra”, recordando que, atendendo aos datos oficiais constátase que o 80% do viño tinto que se consome en Galiza vén de fóra.
“Non pode ser que o Goberno dea patadas para adiante e que siga todo igual”, expresou. “Como non se lle poña fin, veremos que na vendima de 2025 e nas seguintes, isto vai seguir igual”, augurou.