BNG denuncia o incremento de multas a pequenas embarcacións nas augas da Galiza
O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, interpelou ao Goberno polo incremento producido nos últimos nas multas impostas por parte da Garda Civil a embarcacións que non levan a bandeira española. “Esta intensificación case parece unha campaña de persecución específica con ánimo exemplarizante e de afección ao simbolismo español ademais de recadatorio, tanto por parte do Servizo Marítimo da Garda Civil, como por parte das unidades de patrulla por terra deste Corpo” destacou. Os nacionalistas preguntaron se se deron instrucións desde o Goberno español á Garda Civil para que realice esta campaña sancionadora e o motivo da mesma.
O BNG considera que esta obrigatoriedade de levar a bandeira española pode ser entendida no caso dos buques que saen a augas internacionais ou que se desprazan a augas territoriais doutros Estados, pois nese suposto a embarcación é considerada territorio do Estado español e debe ser facilmente identificada a bandeira baixo a cal navega, pero esta necesidade non se dá no caso das embarcacións que navegan exclusivamente por augas interiores ou que se atopan atracadas en porto. Rego sinalou que “a falta de bandeira visíbel non afecta á posibilidade de identificación da embarcación, pois debe lembrarse que todas elas deben levar tamén de forma obrigatoria o denominado folio de matriculación que permite aos axentes da Garda Civil comprobar a situación dunha embarcación amarrada ou que se atopa nas augas dunha ría”.
As embarcacións afectadas por esta campaña abusiva de multas son principalmente pertencentes aos barcos de pesca ou de marisqueo á boia, embarcacións auxiliares e embarcacións “recreativas”, mais tamén pequenas barcas, chalanas ou dornas utilizadas para recreo ou para a captura de peixe para autoconsumo. O deputado nacionalista salientou que “todas estas embarcacións estarían en principio obrigadas de forma absurda a levar a bandeira española para facilitar a súa suposta identificación mesmo aínda que non saian do porto. É máis, a lexislación vixente obriga mesmo ás bateas, que non teñen consideración de buques senón de artefactos á boia a se identificaren mediante bandeira, o que resulta curioso cando non hai posibilidade de desprazamento e nin tan sequera dispoñen dun mastro onde a pór”. Rego solicitou ao Goberno mudar a normativa que obriga a estas pequenas embarcacións a se identificaren mediante a bandeira española.
Neste sentido, debe terse en conta que no caso da maioría das embarcacións matriculadas en Galiza en ningún caso saen de augas interiores polo que non existe esa necesidade de identificación por parte de autoridades estranxeiras e o seu folio permite a súa fácil identificación polas autoridades competentes. Por este motivo, o BNG demanda que se dean instrucións para excluír ás embarcacións que pola súa actividade e tamaño non saen de augas interiores dos procesos sancionadores por ser a obrigación claramente desproporcionada.