BNG denuncia a incapacidade da Xunta para tomar medidas fronte a seca
O BNG esixiulle ao conselleiro de Medio Rural, José González, medidas concretas para combater a seca en Galiza, “porque non se trata xa de impulsar axudas paliativas, que tamén, trátase de tomar medidas inmediatas que deixen o noso agro en boas condicións para facerlle fronte aos cambios provocados pola falta de auga”, emprazou Carme Aire, portavoz de Desenvolvemento Rural.
Aira denunciou o retraso na diagnose do Goberno do PP no relativo aos efectos da seca no País, “xa que este ano sexa máis ou menos dura pero para o ano pode ser insuperable, en todo caso cada vez máis frecuente, e non se leva tomado ningunha medida para enfrontar esta realidade” declarou sobre unha alarma notificada pola ciencia hai anos e levada polo BNG en reiteradas ocasións ao Parlamento.
“O ano pasado foi un ano de importantes perdas económicas derivadas na gandería do incremento dos custes de produción e dos insumos ou en sectores como a horta, ou a produción froiteira” sen que o Executivo do PP tomase cartas no asunto ou facilitase compensacións polos efectos da seca e as enfermidades e pragas derivadas do estrés hídrico dos vexetais.
A deputada do Bloque reclamou da Xunta medidas concretas, como a construción de infraestruturas para o embalsamento de auga de choiva e excedentes, a implantación de sistemas de rego que produzan o aforro de auga, “ou mesmo que a Xunta sexa a facilitadora para que as gandeiras ou agricultoras teñan captacións que garantan as súas producións ou a supervivencia dos seus animais sen depender das restricións aos usos da auga por parte dos concellos”, remarcou, ao tempo que se preserva a auga potable para uso humano, xunto con medidas “como a implementación de ciclos relacionados coa xestión hídrica na FP agrícola”, engadiu.
Aira criticou que Galiza chegue a este momento “cos deberes sen facer” e aludiu ao descoñecemento que desde o Estado se mira ao campo galego “que sofre moito en situacións que en Madrid considéranse ‘de seca moderada’”, recriminou, xa que as características propias de Galiza “a terra dos mil ríos e do millón de vacas” acrecenta os riscos dun cambio climático “que traerá anos de seca e outros fenómenos meteorolóxicos adversos cada vez máis extremos e fóra de tempo”, advertiu.
A parlamentaria nacionalista reprobou a actitude duns Populares “dos que ata o de agora a única reacción que vimos foron as queixas derivadas do Real decreto Ministerial que deixa a Galiza sen apoios nunha importante porcentaxe ante a seca respecto doutros territorios do País”, denunciou, polo que as granxas galegas haberán de competir en prezos con outras que reciben dous terzos máis de financiación pública, o que xera “unha profunda desigualdade”, engadiu.
“Non é lícito nin honesto que un goberno con plenas competencias no rural non esgrima a firmeza suficiente na defensa dos nosos dereitos singulares e que se deixe levar pola liorta partidista xustificando a incompetencia cos seus ataques a Madrid”, concluíu Aira, que emprazou ao conselleiro de Medio Rural a preparar Galiza de xeito inmediato para enfrontar episodios de seca cada vez máis frecuentes, cun sector primario san e en condicións de competitividade co resto do Estado, compromisos que o conselleiro abordou responsabilizando dos mesmos ao goberno central, sen aclarar as accións a medio e longo prazo da Consellería do Medio Rural para combater a seca.