O BNG denuncia a inactividade do Parlamento galego

O BNG reclama aprobar un calendario que inclúa a celebración de cada unha das comisión lexislativas e outra sesión plenaria

O Grupo parlamentario do BNG rexistra un escrito na Cámara galega a través do cal solicita que a Mesa do Parlamento, previa audiencia da Xunta de Portavoces, tal e como establece o artigo 30.7, aprobe un calendario de actividades do Pleno e das Comisión no que se inclúa a celebración dunha outra sesión Plenaria e polo menos, unha sesión de cada unha das comisións.

O BNG argumenta que existen numerosos asuntos que non poden agardar ao mes de febreiro para seren abordados e a isto hai que engadir que non existe ningunha previsión de habilitación do período extraordinario de xaneiro, agás o sinalado para a tramitación do proxecto de lei de Orzamentos Xerais da Xunta de Galiza , excluíndo a posibilidade de abordar calquera outro asunto.

Para o Grupo parlamentario do BNG resulta “inadmisible” que toda a actividade ordinaria prevista para desenvolver no Parlamento, durante o que fica de período de sesións, sexa exclusivamente unha única sesión plenaria, tendo en conta os graves asuntos que afectan á cidadanía e que, ao seu xuízo, deben ser obxecto de tratamento parlamentar.

O BNG asegura que a inactividade política do Parlamento galego resulta “contraditoria” co obxectivo de convertelo nunha institución central para abordar os problemas que atinxen a Galiza.