BNG denuncia “improvisación” da Xunta na desescalada da hostalaría e falta de diálogo co sector
A través dunha pregunta parlamentaria, o deputado do BNG, Daniel Pérez denuncio a “improvisación” da Xunta na desescalada da hostalaría e demandou “axudas directas” ante o fracasado Plan de rescate. O deputado destacou as dificultades do sector da hostalaría para acceder a páxina web Turespazo e ao código QR.
O nacionalista insistiu en que o sector precisa volver a actividade e cuestionou “a rapidez da Xunta para o peche e lentitude para abrir”. O sector, dixo está cansado de seren culpabilizado e de axustarse a “unha apertura desigual” con tres niveis de restricións e sen “axudas directas”.
A desescalada, explicou, supuxo que na maior parte de Galiza, reabrir a hostalería o venres 26 de febreiro, mantendo o límite horario das 18.00, e podendo, no mellor dos casos, servir no interior cun límite do 30% e coas terrazas a metade de ocupación. Nos catro días seguintes á publicación a esa orde do 25 de febreiro, “hostaleiros e hostaleiras con facilidade e preparación dixital desesperáronse para poder darse de alta na web de Turespazo, xa que daba erro continuamente e no 012 non levantaban o teléfono por mor do colapso”.
Esta situación provocou un “auténtico caos” que constata a “improvisación e precipitación” da Xunta. O plan de hostalería segura estableceu unhas medidas que non foron consensuadas e cunha orde confusa, allea a realidade do sector, e incidindo na culpabilización dos hostaleiros, por parte da administración autonómica”.
Dificultades para utilizar o código QR
En opinión do parlamentario nacionalista, o sistema de control a través de código QR é, un “facer que fago” e esta ferramenta na práctica, “non vai ser efectiva, polo menos, no inmediato” porque moitos pequenos locais, moitos deles familiares, espallados por Galiza carecen da formación dixital necesaria para implementalo ao que hai que sumar as dificultades de cobertura que limita a súa efectividade. Funcionará nos locais máis modernizados, con boa cobertura, e con clientela con formación dixital pero “inservible” en moitos outros casos.
Daniel Pérez tamén preguntou ao goberno de que maneira vai colaborar o goberno galego cos concellos ante os gastos extraordinarios asumidos durante o control das medidas de prevención da COVID.
Para o deputado, a Xunta “pecou de falta de diálogo, pecou de non trazar hai meses unha folla de ruta a medio prazo para compaxinar a actividade e control sanitario, e pecou de non explorar alternativas ao peche”.
Unha apertura precipitada e sen medios
Tras a intervención da directora xeral de Turismo, Nava Castro, o deputado reiterou que as asociacións en defensa da hostalaría non foron consultadas sobre as novas medidas e a desescalada de Febreiro, remarcou “foi precipitada” mesmo para solicitar asesoramento. Falta “un plan a medio prazo” para que os hostaleiros poidan realizar a súa actividade con certa normalidade e non “con esta chapuza da Xunta”. Na práctica, advertiu Daniel Pérez, as medidas do goberno non garanten “a máxima seguridade e control” para a acceder aos establecementos. O sector non foi dotado dos medios para poder implementar as novas medidas. Os hostaleiros, dixo, teñen a sensación de estar como ao comezo da pandemia e o descontento do sector é palpábel, como se puido comprobar na manifestación que o pasado sábado reuniu a centos de hostaleiros de toda Galiza en Santiago de Compostela, convocada pola plataforma pola defensa da hostalería, que aglutina a máis de 3.500 empresas do sector.
A Xunta dixo, debe escoitar as demandas do sector que reclama unha mesa de traballo para establecer un diálogo entre o goberno galego, unha representación ampla e plural do sector, economistas da universidade galega e do consello galego de economistas co fin de elaborar un auténtico plan de rescate que se proxecte a curto-medio prazo e impida a volatilización da hostalería galega.
Finalmente, Daniel Pérez volveu a reclamar “axudas directas” ante un ineficaz Plan de rescate que o deputado tildou de “parche” e con requisitos inaccesibles para un gran número de hostaleiras e hostaleiros.