BNG denuncia o impacto da liña de alta tensión de Greenalia entre o Monte do Gato e o Mesón do Vento
O BNG denunciou na Cámara a tramitación de tres parques eólicos de Greenalia no Monte do Gato, na Reserva da Biosfera Mariñas – Terras do Mandeo. Estes parques están a ser tramitados como proxectos independentes, cando pola súa proximidade deberían ser tramitados de forma conxunta para avaliar o seu impacto ambiental e na vida da veciñanza.
A deputada por A Coruña, Mercedes Queixas, advertiu que este proxecto “foi moi cuestionado pola veciñanza pola súa elevada afectación no patrimonio cultural sobre o castro das Travesas e o Camiño Inglés”. Denunciou que esta iniciativa “está a ser alegada por parte de particulares e gobernos municipais do propio PP, que xa manifestaron a súa oposición a seis parques eólicos que pretenden tramitarse de forma illada cando son unha unidade”, recriminou. A zona, comprendida entre o Monte do Gato e o Mesón de Vento váise ver afectada por unha liña eléctrica de máis de 25 km que atravesaría os concellos de Abegondo, Carral, Oza-Cesuras e Ordes, unha zona de alta riqueza patrimonial, natural e cultural, unha área dotada de turbeiras e humidais.
“Vostedes falan en representación dos promotores eléctricos, eu pregúntolles en representación da veciñanza”, argumentou a deputada por A Coruña. Neste sentido, denunciou a condonación de 11,7 millóns de euros a Greenalia realizada por Paula Uría, a anterior directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais. “O Goberno do PP non está facendo nada para poñerlle freo ao impacto ambiental deste modelo eólico, canto valen para vostedes os espazos naturais?”.
A parlamentaria do BNG criticou que a transición enerxética do Partido Popular pasa “por deixar o terreo galego en venda”, xa que “non hai ordenación ningunha, só un boom eólico depredador, un proceso opaco que nos custa aos galegos e galegas máis de 3 millóns de euros que a Xunta ten que pagar en multas por sentenzas xudiciais”.
Queixas incidiu na dificultade que esta tramitación fragmentada presenta para avaliar o impacto ambiental do proxecto eólico, xa que “non respecta a vontade e as formas de vida produtiva da poboación dos concellos de Oza-Cesuras, Aranga e Coirós, nin moito menos a riqueza medioambiental, paisaxística e cultural da zona”, advertiu, xa que este proxecto eólico de Greenalia está incluído nunha área de ampliación da Rede Natura “que o PP leva negando dende hai 13 anos a pesar das reclamacións da Unión Europea”. Apelou á Consellería de Industria a “construír outro modelo de enerxía eólica, estamos a tempo, mire o conxunto, escoite á cidadanía e á Xustiza”, argumentou. Apelación que se atopou coa falta de compromiso do Goberno do PP.