BNG denuncia gran demora no trámite para do recoñecemento da discapacidade ou dependencia
Iria Carreira urxiu a Política Social a cumprir o prazo establecido pola Lei de dependencia e aplicar o novo decreto no recoñecemento do grao de discapacidade
Critica a propaganda da Xunta sobre os novos abonos para persoas coidadoras, ao tempo que abandona os servizos públicos
A deputada do BNG, Iria Carreira trasladou á conselleira de Política social, Fátima García, os problemas derivados da demora na tramitación para o recoñecemento do grao de discapacidade ou dependencia, porque a lei, dixo, exixe 6 meses que se está a prolongar a un ano ou máis e mesmo “hai persoas que falecen sen este recoñecemento”.
Tras a intervención da titular de Política social que recoñeceu os tempos de espera e que as familias deben agradar polo servizo de dependencia, Carreira insistiu en coñecer que medidas vai adoptar a consellería para cumprir os prazos e mellorar o proceso de tramitación da dependencia e do recoñecemento do grao de capacidade co novo decreto aprobado.
A deputada explicou que, o Sistema de Atención e Axuda á Dependencia non só afecta ás persoas maiores, tamén a persoas con discapacidade que precisan de apoios para desenvolver actividades cotiás básicas. O sistema, na súa opinión, presenta “gravísimas carencias” comezando polo “elevado tempo de espera” que teñen que soportar para veren recoñecida a súa condición de persoas dependentes desde que solicitan este recoñecemento: “364 días de media”, segundo os datos do IMSERSO no ano 2022, e Galiza, ocupa o quinto lugar das CCAA cun maior tempo medio de espera para a valoración”.
Por outra parte, Carreira lembrou que a Valedora do Pobo na presentación do seu informe anual destacou que: “A maior parte das queixas relativas á atención á dependencia fan referencia a atrasos das valoracións”. A principal consecuencia do atraso na valoración é que tamén atrasa a atención ás persoas con dependencia, que despois terán que esperar pola aprobación do programa individual de atención. Por iso reclamamos que o procedemento se teña en conta globalmente, tal e como prevé a lei “6 meses para valorar e resolver sobre a atención”.
En opinión da deputada, a actual situación confirma a excesiva burocracia e incumprimento dos prazos, “persoas que falecen sen chegaren a ter recoñecida a súa situación de dependencia, ou persoas que unha vez a teñen recoñecida, non ven garantido o seu dereito á asistencia e ao programa individual de atención”.
“Entre decembro de 2021 e novembro de 2022 faleceron en Galiza 588 persoas cunha solicitude de dependencia formalizada, e outras 399 persoas con esta condición recoñecida pero en lista de espera, sen seren atendidas” recalcou a nacionalista.
“Nesta liña, engadiu que, o CES recolle na súa memoria anual que en 2022 o sistema continuaba sen atender en Galicia a 3.271 persoas cunha valoración positiva para acceder ás prestacións e sen ser atendidas”.
Por outra banda, Carreira tamén se referiu ao informe do Consello Económico e Social sobre o gasto público medio anual por persoa potencialmente dependente situado no ano 2022 en 762 euros, “un 36% inferior á media estatal con 1.193 euros/ano” considerando persoas potencialmente dependentes só as que teñen máis de 80 anos e aplicando coeficientes redutores para o conxunto de persoas entre 65 e 80 anos.
Menos fogos de artificio e máis reforzo dos servizos
Cómpre lembrar, reiterou Iria Carreira, que a Lei de dependencia prioriza o acceso a servizos (SAF, residencias, centros de día, asistencia persoal, teleasistencia… ) e os “anuncios e os fogos de artificio do PP non resolven a carencia de prazas públicas en servizos esencias de atención a persoas dependentes e persoas con discapacidade”.
O modelo do PP é “drenar cartos públicos á privada” e reforzar os coidados familiares (non profesionais) antes que unha rede pública de servizos de atención ao benestar forte polo que volveu a preguntar se máis alá dos fogos de artificio, Política social prevé poñer en marcha medidas para reforzar o sistema de axuda e atención á dependencia, reducir os tempos e mellorar a asistencia que reciben estas persoas.