O BNG denuncia que o Goberno español elude a súa responsabilidade na tutela da venda de Alu Ibérica
O deputado Néstor Rego salienta que o Goberno elude a súa responsabilidade na tutela da venda de Alu Ibérica deixando desamparados aos traballadores e traballadoras.
O BNG urxe o Goberno español a actuar xa para garantir a continuidade da Alu Ibérica, mesmo o que implicaría á nacionalización da planta.
O BNG denuncia que o Goberno español elude a súa responsabilidade no caso de Alu Ibérica. “Unha responsabilidade que parte do feito de que o Goberno tutelou o proceso de venda de Alcoa A Coruña ao grupo Parter e que ese proceso de venda implicaba compromisos por parte do grupo empresarial tanto de mantemento dos postos de traballo como o desenvolvemento dun plan industrial” salientou Néstor Rego, portavoz do BNG no Congreso.
Rego denuncia que eses compromisos non foron respectados e que tan só oito meses despois de que se formalizara a venda das factorías de Alcoa na Coruña e Avilés ao grupo Pater Capital, o pasado 15 de abril facíase público que dito fondo suízo vendeu unha participación do 75% ao Grupo Industrial Riesgo de dubidosa traxectoria, o que xerou unha nova incerteza porque non hai seguranza de que este grupo queira manter a actividade e que realmente se trate dunha operación especulativa.
O deputado nacionalista destaca que “o Goberno na medida en que tutelou o proceso de venda ten que intervir porque o obxectivo fundamental ten que ser sempre manter a actividade económica e preservar os postos de traballo”. É por iso que o BNG leva tempo reclamando e así o volveu a demandar no Congreso a semana pasada durante a interpelación do deputado Néstor Rego á Ministra de Industria, a intervención pública de Alu Ibérica para garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo que é fundamental na cidade da Coruña e en todo o país.
O BNG critica que o Goberno español segue aínda sen cumprir o compromiso de aprobar un Estatuto da Industria Electrointensiva que realmente supoña unha solución para o sector da industria electrointensiva, é dicir, que garanta un prezo estábel, predecíbel e asumíbel. Os nacionalistas ven necesario mellorar o borrador presentado, actuando sobre a peaxe de transporte, cunha bonificación do 100% e tamén coa suba ao 100% a bonificación dos cargos xa previstos e complementariamente elevando ao máximo permitido a compensación por CO2.