BNG denuncia a falta de docentes na aula da Unidade de Saúde Mental Infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro
A deputada Cristina F. Davila critica a vulneración clara dos dereitos dos e das menores e di que é unha burla ás familias e ao alumnado máis vulnerable
A deputada encargada da área de Educación, Cristina Fernández Davila, preguntou este martes no Pleno do Parlamento polo déficit na atención educativa dos e das menores da Unidade de Saúde Mental (USM) Infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo que, a día de hoxe, non conta co profesorado que precisa este alumnado.
“Trátase dunha vulneración clara dos seus dereitos que vai afectar de xeito importante ao seu desenvolvemento educativo, pero tamén a nivel persoal”, ao ser “alumnado vulnerable que precisa maior apoio e reforzo”, advertiu.
Na súa exposición, Fernández Davila indicou que o curso pasado o Hospital tiña suficientes docentes que atendían tanto na aula hospitalaria aberta, como nas habitacións e incluso nos domicilios. Porén, unha das docentes foi destinada para a aula que se creou para a unidade de réxime pechado.
Segundo expuxo Davila, chegado o mes de setembro, a Consellería de Educación deu orde de que o alumnado de secundaria (tanto os e as doentes oncolóxicas como os adolescentes que teñen problemas de saúde mental) fosen derivados a Atención Virtual. A día de hoxe, os e as pacientes oncolóxicas xa son atendidas de xeito presencial pero houbo unha redución importante no número de docentes para a aula hospitalaria aberta e para a atención domiciliaria.
A deputada constatou que o exposto anteriormente xerou que o alumnado da Infanto-xuvenil “leve máis de dous meses sen profesorado e que o alumnado de secundaria con problemas de saúde mental non estea facendo un seguimento da aula virtual correcto porque moitas crianzas “non son autónomas ou teñen limitado o uso de dispositivos electrónicos”, puntualizou.
“Isto evidencia a falta de coordinación entre a Consellería de Educación e o Sergas, que non se poñen de acordo para atender unha aula dentro da unidade”, criticou.
É por iso que a pregunta do BNG ía orientada a saber se a Xunta do PP vai activar os protocolos precisos de coordinación da Consellería e o Sergas para que a atención educativa nesta unidade especializada en saúde mental a menores do Álvaro Cunqueiro sexa efectiva, como reclaman o persoal sanitario, doentes e familias.
Davila acusou a Consellería de Educación de “practicar o escapismo” con este alumnado da USM, ao estar incumprindo coa propia Carta Europea dos nenos e nenas hospitalizadas.
Diante dunha representación das familias e traballadores e traballadoras afectadas por estes recortes que seguiu o debate desde a tribuna, a deputada nacionalista manifestou que parece “unha burla cara as familias e o alumnado máis vulnerable” que o conselleiro de Educación o Presidente da Xunta “saian nos xornais e no Parlamento a gabarse de ter este curso a maior dotación de profesorado da historia”. En opinión de Davila, non é máis ca “unha clara deformación dos datos e da situación que se está a vivir en todo o País, non só nos centros educativos, como demostra esta iniciativa”, censurou.
Cristina Fernández Davila replicoulle ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez que “este é un máis dos recortes feitos en todos os centros educativos, pero este caso en concreto é dunha gravidade máxima, que que están vulnerando os dereitos destes adolescentes, que non só están doentes, illados e con tratamentos durísimos, senón que agora se lles está a racanear un dereito, que é o ensino”, polo que reclamou “non perder máis o tempo e dicirlles ás familias, que deixaron sumidas na desesperación, cando vai chegar ese docente que vostedes comprometeron”, rematou.