BNG denuncia a falta do Plan director no Macizo Central galego, anunciado por Medio Rural
María Albert advirte que o Macizo continúa ameazado tras os lumes forestais de Ribas de Sil e Chandrexa
A deputada do BNG afirma que o acontecido na zona do Macizo Central constata a “neglixencia” da Xunta de Galiza e a súa incapacidade para poñer en marcha medidas preventivas contra os incendios forestais
Critica o anunciou do conselleiro de Medio Rural sobre a necesidade dun Plan director para o Macizo Central do que non existe ningún avance “nin se deu ningún paso para a súa posta en marcha”.
A portavoz de Montes do BNG, María Albert formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre a inexistencia dun Plan director no Macizo Central, co fin de evitar os incendios forestais e a súas consecuencias. Asemade, tamén requiriu unha resposta sobre as medidas previstas pola Xunta para rexenerar a zona queimada e impedir que as cinxas contaminen acuíferos e ríos.
A nacionalista explicou que estas preguntas xa foron formuladas noutras ocasións, máis seguen de plena actualidade xa que dende entón “non mudou nada” na xestión do territorio do Macizo dende “setembro de 2020 a setembro do 2021”.
Este mes, relatou a deputada do BNG, rexistramos en Galiza o primeiro grande lume da campaña 2021, nun espazo colateral ao Macizo Central con 1.600 hectáreas polo incendio de Ribas de Sil e recentemente, en Chandrexa, a penas a 100 metros de distancia do territorio do Parque Natural do Invernadoiro.
Albert lembrou que hai un ano “ardeu a comarca por todas partes” e o pasado mes de setembro o lume calcinou máis de 700 hectáreas na localidade de Rebordechao, na Serra de San Mamede, no Macizo Central galego. Un incendio, dixo que puxo en grave risco ás vivendas, o gando e a reserva forestal de A Edreira, dentro da Rede Natura 2000 e foi a implicación da veciñanza e dos medios de extinción os que impediron que a superficie queimada fora aínda maior.
Segundo a información divulgada polo Ministerio de Transición Ecolóxica na extinción do incendio de Rebordechao, abondou a deputada, interviron seis avións anfibios, dous avións de extinción, tres brigadas heliotransportada con dous helicópteros e outro de 4.500 l, ademais dunha unidade móbil de análise e planificación. Pola súa banda a Xunta de Galiza informou do despregamento de 7 axentes, 22 brigadas, 10 motobombas, 2 palas, 9 helicópteros e 12 avións. A deputada recoñeceu que existiu un amplo dispositivo de extinción ao que sumou a grande implicación da veciñanza para sofocar os incendios e as súa consecuencias directas e inmediatas e sobre todo que os incendios foran superiores.
A Xunta apaga incendios pero non incorpora medidas de prevención
A nacionalista recalcou que o acontecido máis unha vez na zona do Macizo Central evidencia “a neglixencia da Xunta” para poñer en marcha medidas preventivas e non deixa de ser chamativo que o Macizo Central non conte cun Plan director para a prevención dos incendios.
Para a deputada, a Xunta “non protexe este espazo de gran valor medioambiental e paisaxístico” de aí a necesidade dun Plan director para a súa protección e conservación e lembrou que o propio Director Xeral de Montes recoñeceu a “alta probabilidade de que se produzan incendios de difícil extinción”. Si vostedes asumen que se producirán estes incendios, por que non “planifican medidas de prevención” ao que sumou que a propia Consellería de Medio Rural anunciou un Plan director para o Macizo Central. A nacionalista preguntou que foi dese anuncio porque transcorrido o tempo non consta que dera “un só paso nese sentido”.
A parlamentaria concluíu a súa intervención na Comisión de Agricultura e montes, celebrada no Parlamento reclamando o cumprimento do anuncio do conselleiro de Medio Rural para a posta en marcha do Plan director no Macizo Central ao fin de evitar os incendios forestais e protexer un territorio de grande valor medioambiental.