BNG denuncia a falta de compromiso do Goberno do Estado para a protección da enseada de San Simón
Néstor Rego exixe ao MITECO actuar de maneira inmediata e desmantelar os recheos do antigo peirao da Pedra e recuperar as correntes mariñas naturais da Rede Natura
O candidato do BNG á alcaldía de Redondela, Xoán Carlos González, comprométese a traballar a partir do 28M para converter a enseada nun “referente de recuperación económica e medioambiental”
Após coñecer a resposta do Goberno do Estado a preguntas da formación nacionalista, o Bloque Nacionalista Galego denuncia a pasividade do executivo para a preservación dos espazos Rede Natura como a Enseada de San Simón. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o candidato da frente á alcaldía de Redondela, Xoán Carlos González, critican o apoio do Goberno do Estado na recuperación da actividade industrial no peirao da Pedra, en Rande, e exixen a rectificación a través da retirada do recheo –realizados na década dos 90- e recuperar as correntes mariñas naturais perdidas.
O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no Congreso iniciativas para a resposta escrita do Goberno para coñecer a posición do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico sobre a actividade industrial impulsada pola Autoridade Portuaria de Vigo no coñecido peirao de Pedra, en Rande. Para sorpresa da frente nacionalista, o MITECO, na súa resposta, mostra o seu apoio a esta actividade alegando que a zona “foi restabelecida como espazo de operacións para pezas especiais” e a Autoridade Portuaria –dependente do MITMA- “prevé poder realizar movemento de aluminio nalgún momento”.
En opinión do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o Goberno está actuando de costas aos intereses da veciñanza de Redondela. “En lugar de actuar para protexer este espazo, estamos a asistir a un novo proceso de industrialización na costa do Estreito de Rande, o que leva aparellado un intenso movemento de tráfico pesado, tráfico marítimo, verteduras, ruídos e polvo en suspensión. Amparado, todo isto, polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico” denuncia Rego.
“Unha nova agresión medioambiental nun espazo do medio mariño que debería ser protexido, reducindo a actividade portuaria industrial e potenciando actividades pesqueiras e marisqueiras artesanais e de proximidade” sinala o deputado. O que debería de facer o Goberno, explica Rego, é rexeitar a recuperación da actividade industrial e “retirar os recheos do antigo peirao da Pedra para recuperar as correntes mariñas naturais da Rede Natura 2000 da Enseada de San Simón, perdidas nos recheos realizados nos anos noventa”.
Pola súa parte, o voceiro en Redondela e candidato do BNG á alcaldía do Concello, Xoán Carlos González Campo, expresou a falta de compromiso do Goberno do Estado coa preservación e o futuro da Enseada San Simón, Espazo Rede Natura. "A recuperación da actividade industrial en Rande pon en risco sectores como o do marisqueo e a pesca tradicional, con produtos destacados como o choco” afirma.
"A estratexia da Autoridade Portuaria debe ser contestada con contundencia polo goberno municipal. Instamos a Digna Rivas a que nestas xuntanzas mediáticas coa subdelegada do goberno faga valer a voz de Redondela que xa se ten expresado por medio de diversas mocións en contra desta estratexia” sinala González Campo.
Finalmente o voceiro nacionalista rexeitou os Plans da Autoridade Portuaria coa conivencia do estado que mostran un panorama moi negro para a beiramar de Rande. "Dende unha alcaldía do BNG en Redondela forzaremos un cambio de rumbo nas actuacións das diferentes administracións na Enseada para convertela en referente de recuperación económica e medioambiental" finda o candidato do BNG á alcaldía de Redondela.