parlamento galego

BNG denuncia a exclusión de preto de 40 crianzas nas matriculas de infantil e primaria na comarca de Ferrol

Mon Fernández

Desde o ano 2010, na comarca de Ferrol pecharon 79 unidades de educación infantil e primaria, sendo os máis prexudicados os centros do rural

Denuncia que esta restrición da matrícula responde a “unha intención da Consellería de Educación de que o centro mingüe ata acabar pechando”

O deputado do BNG Ramón Fernández Alfonzo denunciou no Parlamento a exclusión de preto de 40 crianzas en centros da comarca de Ferrol, ao non admitirse as solicitudes de tramitadas polas familias. Denuncia que as medidas de restrición agochan por parte da Consellería de Educación “ unha intención de que o centro mingüe ata facilitar o seu peche”.

“Desde o ano 2010 pecharon 79 unidades de educación infantil e primaria na zona, sendo os máis prexudicados os centros do rural”. O peche destas escolas “implicou máis de 113 postos de traballo fixos” pero tamén lle afectou ao profesorado de apoio, orientadores e profesorado especializado”.

O deputado da comarca de Ferrol defendeu este martes na Comisión 4ª a proposición non de lei, que finalmente foi rexeitada polo PP, e onde deu a coñecer os datos recadados polos centros afectados. En concreto, “no CPI Atios  do Concello de Valdoviño, quedaron excluídas 18 crianzas, no CEIP Mosteiro de Caaveiro da Capela, 2, e no CEIP Os Casais do Concello de Fene, as matrículas de 8 nenos e nenas non foron admitidas”.

Denunciou problemas semellantes nos CEIP Sta. María das Pontes, con 5 crianzas, e na Laxe, na parroquia de Valón en Ferrol, con 4. En total, 37 alumnos e alumnas excluídas, unha situación que ten “ten moi preocupadas ás Asociacións de Anpas respecto do futuro dos centros”, asegurou.

Fernández Alfonzo, advertiu que “en todos estes centros o problema formal é o da inexistencia de vacantes, véndose obrigados a desestimar solicitudes en base a unha baremación” derivada do acordo de xaneiro deste ano 2024 entre a Consellaría de Educación e os sindicatos minoritarios do ensino público e na que se determinou a redución de ratios nas aulas.

Para Fernández Alfonzo, a Consellería “vendeu a bombo e prato como un gran avance para o profesorado que melloraría a calidade do ensino”, pero, segundo o deputado nacionalista “o que está a acontecer é que a baixada de ratios non redunda nun desdobramento de aulas e aumento de profesorado, sobre todo nos colexios do rural, senón que a consellaría está a aplicar un política de “numerus clausus” na súa versión máis restritiva nas etapas do ensino obrigatorio, sen atender a criterios de proximidade ou de fixación de poboación no rural.

Denunciou tamén o “auténtico boicot ao traballo de Anpas e direccións por dotar aos centros dos mellores servizos e de bos proxectos educativos, dun xeito moi salientábel no caso dos Casais, en Maniños (Fene), onde o aumento de solicitudes de matrícula froito dese traballo pode verse frustrado.

Fernández remarcou que “as familias que ficaron excluídas en todos estes centros contactaron con inspección e a única resposta que obtiveron é que teñen que agardar. Parécenos unha resposta intolerábel que non ten en conta que cada unha desas nenas e nenos ten unha familias detrás con necesidade de planificar, organizar e asegurar o que vai ser o seu futuro próximo”

Por todo o anterior, o BNG demanda a “admisión de todo o alumnado que pediu praza neste curso e nos vindeiros, así como a “dotación dos recursos necesarios para facer fronte a todas as solicitudes”. Ademais, reclama que se respecte “a liberdade de escolla de centro por parte das familias da área de influencia do centro” e que “se lles permita aos centros do rural ofertar todas as vacantes e confeccionar os agrupamentos en función das solicitudes que haxa e non ao revés como se propón actualmente”.

O deputado da comarca de Ferrol  recriminou que a reducións de ratios deben servir “para mellorar a calidade do ensino, non para empeorar a vida das persoas”.