O BNG denuncia a eliminación da atención presencial no IGVS para tramitar o depósito das fianzas dos alugueiros
Alexandra Fernández advirte que moitos dos arrendatarios son persoas maiores que teñen dificultades para realizar esta xestión vía telemática
“Moitxs veranse na práctica obrigadxs a acudir a asesorías e xestorías privadas polas dificultades para realizar o trámite”, subliña a deputada
A deputada do BNG Alexandra Fernández denunciou a eliminación do servizo de atención presencial no Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS) para a tramitación do depósito da fianza dos alugueiros á que obriga a lei. A través dunha iniciativa parlamentaria, pide ao Goberno do PP que manteña o servizo e advirte que a súa supresión afonda aínda máis na brecha dixital, posto que “moitos dos arrendatarios son persoas maiores que teñen dificultades para realizar os trámites vía telemática”.
Até o de agora, os arrendatarios obrigados a facer o depósito da fianza perante o IGVS contaban coa posibilidade de acudir a unha das oficinas que o Instituto ten nas sete cidades galegas, onde o persoal funcionario prestáballes asesoramento e a axuda necesaria para a tramitación in situ do depósito.
Coa eliminación do servizo, expón a deputada do BNG, o trámite só se poderá facer vía telemática ou no Rexistro Administrativo entregando a solicitude completa xunto con toda a documentación que esixe, pero sen a opción do asesoramento dos funcionarios do Instituto Galego da Vivenda e o Solo, que mesmo se encargaban de cubrir os formularios requiridos, salienta.
“Se antes calquera arrendatario podía acudir ao IGVS para depositar a fianza e marchaba co trámite feito, agora apenas reciben un formulario complexo que eles mesmos teñen que cubrir e encargarse de rexistrar”, critica Alexandra Fernández, que lamenta as dificultades que a decisión da Xunta supón para aquelas persoas de máis idade menos familiarizadas coas ferramentas dixitais ou a burocracia.
“Na práctica, estas persoas vense na obriga de acudir a asesorías e xestorías privadas polas dificultades á hora de realizar o trámite”, lamenta.
A deputada do Bloque considera ademais “incomprensible” que sexa o propio IGVS quen dificulte o cumprimento da normativa aos arrendatarios -obrigados a realizar o depósito dos avais polo alugueiro dos seus inmobles- posto que estas fianzas supoñen unha fonte de financiación para o propio Instituto. “Isto só se entende pola nula vontade da Xunta de promover vivenda pública e de prestar un bo servizo na Administración”, manifesta.
Na súa iniciativa, lembra, neste sentido, que o ano 2022 o número total de solicitudes tramitadas para o depósito de fianzas superou as 35.000 “polo que estamos a falar dunha afectación importante co recorte deste servizo”.