BNG denuncia os elevados riscos que corren as crianzas do Courel no transporte escolar polo mal estado da estrada
“Dicir que é perigoso é quedarse curto”, asegura Iago Suárez, para quen “o desprezo do Goberno do PP coa veciñanza do Courel parece non ter límites”
O deputado do BNG Iago Suárez denuncia a “situación lamentable” que sofre o servizo de transporte escolar no Concello de Folgoso do Courel por mor do “terrible e perigoso” desvío polo que deben pasar os autobuses a causa do derrubamento da LU-651 hai xa máis de dous anos.
O deputado da comarca visitou esta semana o CEIP Poeta Uxío Novoneyra para falar coa comunidade educativa e comprobar de primeira man o mal o estado do desvío alternativo á LU-651, a estrada que une os dous núcleos de poboación principais do concello, Folgoso e Seoane, que se derrubou por causa dunha canteira de lousa no lugar en marzo de 2022. Desde entón, destaca, o Goberno galego promete cada certo tempo o seu arranxo “mais a situación segue exactamente igual”.
Iago Suárez xa levou ao Pleno do Parlamento esta situación no pasado mes de xuño, a través dunha pregunta á conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que na súa resposta asegurou entón que o obxectivo era restabelecer o tráfico da LU-651 antes do inicio do curso e “ter toda a obra rematada para o outono”. “Non tiñamos moitas esperanzas na promesa da conselleira e as nosas sospeitas confirmáronse. Con todo, non por esperado é menos irrespectuoso coa poboación courelá”, afirma agora o deputado nacionalista.
A situación actual demostra que “o desleixo e o desprezo á poboación do Courel parecen non ter límites”, considera Suárez, para quen “é até triste que sabendo que estaba a piques de comezar o curso académico, a Xunta non fixera todo o posible por arranxar a LU-651 e evitar que as crianzas tivesen que pasar polo perigosísimo desvío”.
A situación da LU-651 volverá ao Parlamento da man do BNG
A situación, engade, chegou a un punto “esperpéntico”, xa que hai uns días o bus escolar pinchou un dos seus pneumáticos, algo “nada sorprendente dado o estado do desvío polo que ten que pasar”, asegura Suárez. O pinchazo do bus provocou que as cerca de 30 crianzas que usan o transporte escolar tivesen que ir a pé até o colexio.
“Que a Xunta de Galiza permita que isto aconteza durante máis de dous anos xa pasa de indignante. Por iso exiximos que que o Goberno galego arranxe a LU-651 canto antes e que ademais de realice un estudo integral sobre as causas do derrubamento para evitar que volva acontecer”, incide Suárez lembrando que “é exactamente o mesmo que pediamos en xuño e a Xunta segue desaparecida”.
É por iso que o BNG volverá presentar no Parlamento iniciativas para reclamar que se axilicen as obras e se garanta a seguridade no transporte escolar dos nenos e nenas do Courel e da poboación en xeral.