BNG denuncia a desprotección da costa galega e reclama un novo concurso para dotar de servizo de practicaxe á Costa da Morte e Sada
O BNG volveu reclamar na Cámara a posta en marcha dun novo prego para dotar de servizo de practicaxe marítima aos portos de Laxe, Cee e Corcubión, na Costa da Morte, ademais do porto de Sada. Tamén pediu anular a convocatoria de setembro deste ano para o outorgamento do servizo de practicaxe, xa que consta de erros e de condicións precarias para o persoal traballador deste servizo.
O deputado do BNG, Daniel Pérez, incidiu na necesidade dun servizo de practicaxe “propio” na Costa da Morte “para garantir a seguridade”, xa que a intención da Consellería do Mar, denunciou, é que non haxa un práctico de xeito continuado na zona, senón que o servizo o preste un práctico “substituto” que, ademais, prestaría servizo nos portos de Burela, Celeiro e Ribadeo.
Todo isto, criticou Pérez, supón un grande risco no contexto dun mar, “a autopista de Fisterra”, no que circulan cada día 38 barcos con mercadorías perigosas, cunha cifra de 14.000 buques ao ano. Un servizo de seguridade que se fai imprescindible “máis aínda con antecedentes como o Casón, o Mar Exeo ou o Prestige”, recriminou, “dende o 1 de decembro estamos expostos a que calquera barco volva accidentarse contra a nosa costa”. Incidiu en que son 60.000 euros os que marcan a diferenza entre ter un servizo que ofreza seguridade na Costa da Morte ou non.
O deputado da Costa da Morte denunciou as intencións da Consellería do Mar de obviar as funcións de seguridade marítima que desenvolve un práctico e que aparecen recollidas no último prego para a concesión do servizo, xa que se limitaron as funcións deste servizo de asistencia marítima á “entrada e saída, e movementos interiores de barcos nas dársenas”, criticou, ao que engadiu que esas funcións deben ir aparelladas da “obriga que ten o servizo de estar en todo momento a disposición do capitán marítimo, por razóns de emerxencia ou de seguridade marítima”, algo que establece, de feito, o regulamento de practicaxe.
O prego específico para a practicaxe nos portos da Costa da Morte, denunciou o parlamentario do Bloque, recolle funcións como a dispoñibilidade as 24 horas do día e a prestación do servizo a bordo do navío, cunha condición de que a persoa traballadora pode suspender a practicaxe en caso de impago reiterado do servizo anterior, salvo que se vexa comprometida a seguridade marítima. “Un servizo de 24 horas os 365 días do ano non se poden manter cunha soa persoa e unha tripulación contratada a tempo parcial, como pretende Portos de Galiza”.
O Goberno do PP veu a oportunidade de recortar neste servizo, “escudándose na baixada da actividade portuaria, principalmente no porto de Brens” denunciou o parlamentario do BNG, unhas críticas ás que se suma o Colexio Oficial de Prácticos de Porto, que sinalou que as condicións de traballo ofertadas “son imposibles de cumprir”.
Pérez emprazou á Consellería do Mar a facer un novo prego, onde tamén se inclúa o porto de Sada e que corrixa os erros presentes no anterior, xunto cunhas condicións económicas dignas e asumibles por un novo práctico para que este servizo se poña en marcha de inmediato. Propostas que foron tombadas pola negativa do Grupo Popular.